Asinado o preacordo no convenio do comercio de alimentación da provincia da Coruña, con aumento salarial e redución de xornada

A Federación de Servizos de CCOO informa do asinamento, o mércores, do preacordo que pon fin ao conflito no sector do comercio de alimentación da provincia da Coruña. O convenio, cunha vixencia do 2022 ao 2025, recollerá importantes subas salariais —con revisión ligada ao IPC real— e redución da xornada laboral anual, entre outras importantes melloras de condicións. O texto tamén recolle clásulas ligadas á desconexión dixital e á transición dixital, aspectos que cobran cada vez máis importancia

En materia salarial, o preacordo recolle aumentos do 5 % para o presente ano 2022, do 4 % no 2023 e do 3 % para o 2024 e o 2025. Así mesmo, páctase unha revisión salarial conforme ao IPC real, cun tope do 2,5 % para este ano, do 2 % no 2023 e do 1 % nos dous últimos anos de vixencia do convenio.

Tamén se incorpora na redacción unha cláusula de rexistro de valores, para garantir a igualdade de salarios e complementos, co obxectivo de combater a fenda salarial.

A xornada anual redúcese en vinte horas, de 1812 a 1792. Isto faise mediante a aplicación de tres fins de semana de calidade, gozando un sábado libre cada cuadrimestre —excepto no mes de decembro—. Tamén se acorda fomentar a xornada continua, como mínimo para o 70 % do persoal da tempo completo por tenda.

Tamén se mellora o sistema de clasificación profesional, eliminando o grupo IV e cun grupo III con catro niveis e promoción automática de nivel cada tres anos, respectando antigüidades e experiencia acreditada.

Outras cláusulas que se asinan teñen a ver co aspecto dixital. Por unha banda, a de desconexión, para evitar continuas chamadas de teléfono ou mensaxes ao saír do centro de traballo. Pola outra, a transición dixital, para regular a afectación da dixitalización e da venda online, para evitar a perda de postos de traballo.

Finalmente, actualízase o contido en materia de xestación conforme a lexislación vixente e mellora a licenza retribuída no suposto de hospitalización, que é de catro días e poderase iniciar en calquera dos días que esta dure —e mesmo se poderá usar de maneira fraccionada.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.