Brigada deseucaliptizadora, domingo 12 de xuño en Froxán (Lousame)

domingo 12 de xuño faremos a última das rogas para eliminar os eucaliptos da Área Conservada do Portelo da Devesa, que custodia Montescola en Froxán (Lousame). Con esta intervención acabaremos de eliminar eucaliptos da zona de 6.000 metros cuadrados nas que as Brigadas veñen intervindo desde 2020.

A roga comezará ás 09:30 da mañá e teremos como punto de encontro o Chán de Avelán (tamén coñecido como «As Minas de San Fins»). O traballo consistirá no apeo dos últimos eucaliptos en pé e a eliminación dos rebrotes existentes.

Froxán a área máis intervida polas Brigadas
As Brigadas comezaron a súa andadura en Froxán en 2018 e desde aquí expandíronse a outras áreas do país xestionadas por entidades privadas que fan custodia do territorio ou mancomunidades de montes. Nesta ocasión é a Fundaçom Montescola a que xestiona a área do Portelo da Devesa e que co traballo das Brigadas conseguirá con esta nova intervención eliminar os eucaliptos desta zona, que posteriormente será recuperada con especies autóctonas.
No Concello de Lousame contamos tamén coa nova área incorporada ás Brigadas da Comunidade do Monte Veciñal en Man Común de Vila Cova na que se realizou a primeira intervención o pasado 21 de maio.
As Brigadas Desucaliptizadoras son unha iniciativa da Asociación Ecoloxista Verdegaia que teñen como obxectivo mobilizar, organizar e coordenar persoas de todo o País con vontade de botarse ao monte para realizar accións de voluntariado ambiental en colaboración coas titulares de terreos con valores ambientais degradados ou ameazados pola eucaliptización e outras especies exóticas invasoras. Mediante a erradicación destas especies e a súa substitución por outras autóctonas de alto valor ecosistémico. As accións das Brigadas teñen como obxectivo que as zonas intervidas non volten a ser pasto do lume e que sirvan como zonas protectoras, actuando como cortalumes verdes e corredores de biodiversidade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.