Candia reivindica coa Asociación de Ternera Gallega Suprema o cumprimento da Lei da cadea alimentaria para a posta en valor do produto e aumentar a rendibilidade na produción

A presidenta provincial, Elena Candia, mantivo unha reunión de traballo co presidente da Asociación de Gandeiros de Ternera Gallega Suprema, Santiago Rojo Teijeiro, na que coincidiron na importancia de cumprir o protocolo promovido pola Xunta e asinado polos axentes galegos do sector para a posta en valor deste produto; un acordo, indica Candia, “histórico na cadea de valor de vacún de carne” para facer fronte á situación xeneralizada de venda a perdas no sector.

Neste senso, a tamén vicepresidenta primeira do Parlamento de Galicia salientou a posta en marcha do observatorio galego da cadea alimentaria, para loitar tamén contra a venda a perdas, así como da nova unidade que asume as funcións da Axencia de Control Alimentario en Galicia, con este mesmo obxectivo. Ao mesmo tempo, a dirixente lucense coincidiu en reclamar ao Ministerio de Agricultura que corrixa as axudas ao vacún de carne, que cualificou como “insuficientes e discriminatorias” en relación con outros sectores. “O que resulta absolutamente innegociable é que ten que cumprirse a lei de cadea alimentaria e que non se pode vender por debaixo do prezo do custe e que ten que haber máis marxe de beneficio para os gandeiros”, remarca Candia.

O 70% dos socios, en Lugo

A Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega conta con máis de 8.000 explotacións adheridas e esta asociación, que reúne máis de 500 socios, dos que o 70% están na provincia de Lugo. Ademais, este colectivo aporta entre o 35 e o 40% da produción de Ternera Gallega Suprema. Segundo avanza o seu presidente, a media por explotación a nivel autonómico supera as 50 produtoras.

Deste xeito, apóiase o traballo desenvolvido pola Xunta a prol deste sector, que está a padecer unha situación de venda a perdas, xa que, en números redondos, existe unha diferenza de 1 euro por quilo entre o que terían que percibir os gandeiros para cubrir os seus custos e o que realmente cobran.

 

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.