Carballo conta con case 100 murais logo da celebración do Rexenera Fest 2022

A vila gañou cinco novas obras para as súas paredes e volveu a converterse durante 12 días na capital galega do street art

Nun lapso de tempo de nove anos, en Carballo téñense creado un total de 97 murais de arte urbana. Os últimos cinco, durante a celebración do Rexenera Fest 2022, que nesta edición post pandemia recuperou citas tradicionais como o concerto de peche, os obradoiros sen restricións ou a convivencia aínda máis próxima entre veciñanza e artistas.

Entre o xoves 2 e o luns 13 de xuño Carballo respirou pintura, con arredor de 400 persoas implicadas no festival, incluíndo a participación nas rutas guiadas (con 368 visitantes entre particulares e centros escolares), a celebración do obradoiro de tapices con la da man dunha das artistas convidadas, ou no xogo de pistas para familias e a ruta do tesouro “Buscando ouro”. E estas cifras non inclúen a grande cantidade de persoas que se achegaron estes días a falar cos artistas, a percorrer os murais pola súa conta e a observar o traballo nos guindastres, xa que son imposibles de contabilizar, pero si que se sentiron nas rúas carballesas.

Este ano foron cinco os artistas que deixaron a súa pegada nas paredes, chegados de lugares como Países Baixos e Lituania; tamén de España desde Cataluña ou País Vasco; e, como xa é tradicional, con presenza de artistas galegos. Dende a organización do festival valoramos moito traballo de todas e todos eles, que ten un altísimo nivel. Nesta ocasión, ademais, hai que mencionar a especial repercusión que tivo o mural da vasca Udatxo entre a cidadanía pola temática da súa obra, na que plasmou a dous veciños da vila. Inspirada nunha fotografía antiga, pintou a un panadeiro de Carballo moi querido e á súa muller, polo que o seu mural foi apreciado con especial agarimo. Son moitos os veciños e veciñas que aínda lembran a Marcelino, un dos panadeiros máis coñecidos da comarca.

En todo caso, a veciñanza sempre expresa a súa admiración por todas e cada unha das obras do festival, das que aquí vos deixamos a listaxe coa localización:

• Daan Botlek (Países Baixos) Rúa Gravador Manuel Facal, 9. O último en rematar a súa obra, tamén o que empezou máis tarde, deixa un mural cheo de simbolismo co seu especial estilo característico.

• Udatxo (País Vasco) Rúa Coruña, 3. O seu mural inspirado nunha fotografía da vila, está situado en pleno corazón de Carballo, moi preto do mercado tradicional.

• Alba Fabre (Cataluña) Avenida da Milagrosa, 23. O seu mural reflicte unha escena íntima e tenra dunha parella e faille compañía a outro mural con outra parella realizado en 2021 por Iván Floro, Van Vúu, xa que están situados un fronte ao outro.

• Twee Muizen (Galicia) Rúa Gran Vía, 87. Na súa obra atopamos a unha moza que camiña cara o horizonte.

• Marija Tiurina (Lituania) Rúa Oriente, 7. Presenta un mural moi colorido e orixinal onde cada figura ten o seu significado.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.