CCOO do Hábitat maniféstase en Noia en defensa do futuro da planta de reciclaxe de Lousame

A planta de Lousame, posiblemente a mellor planta de reciclaxe do Estado español, arrastra desde hai anos unha serie de problemas que ameazan o seu futuro, en boa medida pola «nefasta» xestión por parte dos Concellos que integran a Mancomunidade. Isto levou o persoal a mobilizarse xa en diversas ocasións dende xuño de 2021.

A Falta de investimento nas instalacións, medios obsoletos e constantes problemas xudiciais entre a institución supramunicipal e a concesionaria son algunhas das eivas que foron lastrando as prestacións da planta. O último capítulo é a pretensión da Mancomunidade de prorrogar o contrato con FCC sen introducir melloras e, por riba, suprimindo a quenda de noite, o que provocará a perda de numerosos postos de traballo.

O comité solicitou en reiteradas ocasións a colaboración da Xunta de Galicia, pero a Administración autonómica deixou claro que a súa aposta é o modelo de Sogama, a incineración. Tamén se procurou apoio da Deputación da Coruña, cuxo presidente manifestou nunha reunión a comezos de ano a súa coincidencia coas reivindicacións dos representantes do persoal.

Unha das principais demandas é que se nomee un xerente ou xeranta da Mancomunidade, pois un dos problemas detectados é a falta de xestión, derivada en boa medida de que a presidencia do organismo é rotatoria —actualmente preside o alcalde de Carnota, Juan Manuel Saborido, do PSdeG.

Tamén houbo unha xuntanza co propio Saborido, para trasladarlle os acordos a que se chegara co presidente da Deputación. O rexedor carnotán manifestou verbalmente que se traballaría nesa liña, pero finalmente o comité acabou coñecendo extraoficialmente que a proposta será outra, a prórroga con recortes.

Esta situación súmase ao que CCOO cualifica de «prácticas antisindicais» da empresa e que afectan aos distintos sindicatos. No caso de Comisións, a sanción «inxustificada» de quince días de suspensión de emprego e soldo contra un delegado deste sindicato, así como a negativa a que outro compañeiro do sindicato forme parte do comité de seguridade e saúde laboral. «Estas prácticas están sendo analizadas polos nosos servizos xurídicos», sinalou Ricardo Santos, secretario de Comunicación de CCOO-Hábitat.

Por todo isto, o comité de empresa, integrado por CCOO, CIG e UGT, saiu no día de hoxe a rua para retomar as mobilizacións, esixindo que os Concellos se impliquen na procura dunha solución.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *