Comenzan as obras do Skatepark da Laracha

As obras de construción do parque de patinaxe Skatepark xa están en marcha, como puideron comprobar o alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Deportes, Patricia Bello, nunha visita ao lugar das actuacións.

Este ambicioso e novidoso proxecto, no que o Concello investirá 155.000 euros procedentes integramente de fondos propios municipais, promóvese coa finalidade de ofrecer unha nova alternativa para o ocio e a práctica deportiva especialmente dirixida ao público adolescente e xuvenil.

O Skatepark disporá de diferentes tipos de planos inclinados e costas para ofrecer un amplo abano de posibilidades de movementos, piruetas e acrobacias para as diversas disciplinas. Contará, ademais, cunha fonte de auga potable e iluminación en báculos e proxectores simétricos LED, polo que o proxecto contempla as correspondentes canalizacións dos servizos de abastecemento e electricidade, ademais da recollida de pluviais para evitar a acumulación de auga de choiva na pista.

O lugar escollido para habilitar este novo equipamento de titularidade municipal e de uso libre é na parte posterior do IES Agra de Leborís, onde o Concello está a crear una nova área deportiva de referencia na capital municipal, xa que a carón do que será o futuro parque de patinaxe tamén foron creadas recentemente dúas pistas polideportivas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.