Comeza a temporada alta nas praias de Carballo coa posta a punto dos areais e do servizo de salvamento e socorrismo

Todas as zonas de baño do litoral carballés acadan a excelencia das augas de baño

Coincidindo co inicio do mes de xuño empezou tamén a temporada alta para o servizo de limpeza de praias, do que se encarga un equipo da empresa Acciona Servicios Urbanos composto por cinco persoas. O contrato, vixente dende o verán do 2020, inclúe os traballos manuais e mecánicos precisos para a recollida de residuos nos areais e as súas zonas de influencia (zonas verdes, aparcamentos, accesos, parques infantís…), así coma as instalacións das praias (casetas de socorrismo, aseos, duchas…), a fonte de Arnados, as contornas da caseta das mariscadoras, e o local que ten Protección Civil no porto de Razo.

A intensidade dos labores de limpeza varía en función da época do ano. Nestes momentos é temporada alta, xa que abrangue do 1 de xuño ao 15 de setembro, e os traballos realízanse a diario. Tamén será diaria a limpeza das casetas dos postos de vixilancia, que estarán operativos a partir desta fin de semana, mentres que no local de Protección Civil realizarase semanalmente. A empresa conta tamén cunha persoa na praia de maneira permanente para que os aseos estean sempre limpos.

Hoxe tomaron posesión os/as primeiros/as integrantes do equipo de salvamento e socorrismo que traballarán durante os próximos tres meses nas praias carballesas. O servizo empezará a funcionar esta fin de semana, aínda que con menos profesionais dos previstos. Para intentar completar o equipo, hoxe mesmo publicouse no Boletín Oficial da Provincial (BOP) o anuncio da segunda convocatoria de cinco prazas. As persoas interesadas dispoñen de cinco días naturais, do 11 ao 15 de xuño, ámbolos dous incluídos, para presentar as solicitudes. Atoparás máis información na ligazón inferior.

As cinco zonas de baño nas que está dividido o litoral acadan esta tempada a excelencia na calidade das augas de baño. Pero na procura da excelencia en todos os servizos, as praias carballesas volverán a contar cos certificados ISO 14001 e EMAS (Certificado do Esquema Europeo de Ecoxestión e Auditoría), que implican un compromiso coa prevención da contaminación, a mellora continua do areal, a xestión de residuos e, ademais, permiten que os usuarios e usuarias poidan presentar reclamacións. Tamén volverá a ondear a Bandeira Azul nos areais de Razo, Baldaio-Saíñas e Pedra do Sal, e a Senda do Mar Razo-Baldaio poderá presumir un ano máis do distintivo Sendeiro Azul.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.