Comeza o programa Coruña en Forma, con actividades deportivas gratuítas ao aire libre durante o verán

As actividades achegaranse aos barrios da cidade, aproveitando instalacións como os parques biosaudables, as praias de Riazor e Oza, e áreas verdes como o parque Europa e o parque de Vioño

O Concello da Coruña pon en marcha esta semana o programa Coruña en Forma, unha iniciativa que ten como obxectivo converter os espazos públicos e urbanos en instalacións deportivas ao aire libre. As actividades comezaron o pasado 10 de xuño nos parques biosaudables da cidade, no contexto das clases de mantemento orientadas ás persoas usuarias das Escolas Deportivas Municipais, e ábrense á cidadanía durante a tempada estival.

Dende este venres, 1 de xullo, e ata o vindeiro 30 de setembro, os coruñeses e coruñesas poderán achegarse ata as diversas localizacións previstas para participar nas actividades, gratuítas, sen necesidade de inscrición previa e sen límite de idade. Aos parques biosaudables súmanse espazos como a praia de Riazor, o miradoiro do Matadoiro, a praza dos Mariñeiros, o campo Johan Cruyff (Novo Mesoiro), a praza dos Avós (Monte Alto), a praza Elíptica (Os Rosales), a praza de Vigo, o Parque Europa (Catro Camiños-A Gaiteira), o parque de Vioño, a praia de Oza e o Barrio das Flores, onde os enclaves destinados á práctica deportiva estarán marcados co sinal amarelo de Coruña en Forma para actividades ao aire libre como tai-chi, zumba, ximnasia aeróbica e pilates.

Deste xeito, o exercicio físico moderado ocupará parques, rúas, paseos e prazas da cidade, promovendo unha vida saudable e convertendo á Coruña nun espazo deportivo aberto á cidadanía.

Ademais, xa o 8 de xullo comezarán as actividades de lecer activo nas fins de semana, cunha oferta de andainas, roteiros, xogos de orientación e deporte adaptado, tamén ao aire libre, e que se levarán a cabo en diversas localizacións como a Cidade Deportiva da Torre – Arsenio Iglesias, a pista de patinaxe de Durmideiras, a explanada do Parrote, a praza dos Mariñeiros e a rúa de San Andrés, entre outras.

Todas as actividades de Coruña en Forma serán de libre acceso e estarán supervisadas por profesionais con formación.

A primeira semana de actividades do programa Coruña no Mar

Ademais, tamén esta semana, a cidade acolle a posta en marcha do programa de actividades Coruña no Mar, unha iniciativa impulsada desde a Concellaría de Deportes co obxectivo de brindar oportunidades de aprendizaxe á cidadanía en diversas disciplinas deportivas náuticas e acuáticas, como paddle-surf; piragüismo; esnórquel e fotografía subacuática; vela lixeira; windsurf e natación en augas abertas.

Nesta segunda edición, Coruña no Mar ofertou un total de 1.125 prazas. As actividades están dirixidas a nenas, nenos, mocidade e poboación adulta, e levaranse a cabo ata o 2 de setembro, coa vindeira fin de semana como data de inicio: este venres, 1 de xullo, cunha xornada de navegación costeira na dársena da Mariña; xa o sábado 2 de xullo, con sesións de kayak de mar e pesca desde pantalán, que terán lugar no Club do Mar de Santo Amaro e o Club O Puntal, en Oza, respectivamente; e o domingo 3 de xullo, novamente coa dársena da Mariña como punto de encontro, cunha actividade formativa en pesca fondeada.

A programación completa de Coruña no Mar pode consultarse na páxina web.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.