Este sábado volve a sardiñada popular de Santa Margarida

Mañá, sábado 18 de xuño, terá lugar a tradicional cita gastronómica a partir das 19.00 horas no parque, no que tamén haberá música tradicional

O Concello da Coruña recupera este 2022 a celebración dunha sardiñada popular aberta á cidadanía. Esta actividade forma parte da programación do San Xoán e celebrarase este sábado, 18 de xuño, a partir das 19.00 horas no parque de Santa Margarida.

Repartiranse un total de 500 quilos de sardiña fresca, o equivalente a unhas 3.500 racións. A ración ten un prezo de 1 euro e inclúe sardiñas, pan de broa e viño tinto ou auga. Con iniciativas como esta sardiñada o Goberno municipal de Inés Rey busca recuperar e potenciar a celebración de San Xoán con actividades paralelas para todos os públicos, despois de tres anos limitados pola situación sanitaria.

En paralelo á sardiñada terá lugar a ‘Romaría do Lecer’, organizada pola asociación cultural Xacarandaina en colaboración co Concello. Celebrarase no anfiteatro do parque de Santa Margarida e comezará cunha foliada infantil a partir das 19.00 horas. A foliada para adultos será a partir das 21.00 horas. Esta celebración continuará o domingo pola mañá, coa clausura a partir das 11.00 horas.

Sete días de programación cultural polo San Xoán

O Concello da Coruña organizou sete días de actividades culturais para toda a familia por San Xoán. Estas actividades terán como prato forte a actuación da banda Miss Caffeína a noite de San Xoán a partir das 00.30 horas na explanada do Palacio dos Deportes.

O resto de días haberá diferentes eventos para as e os máis cativos, como obradoiros de decoración de sardiñas ou funcións teatrais variadas. Realizaranse desde este venres nos xardíns de Méndez Núñez, o parque de Oza, Novo Mesoiro, o parque de Santa Margarida, a praza das Bárbaras, a praza das Conchiñas, a praza de Vigo, a praza Elíptica, a praza dos Mariñeiros e a praza da Tolerancia. En caso de chuvia, haberá lugares alternativos a cuberto que poderán consultarse no díptico da programación.

O mércores 22 está prevista a realización dun espectáculo de rúa da agrupación Donaire, que irá desde o Obelisco a María Pita a partir das 19.00 horas. Ese mesmo día, a Banda de Música Municipal actuará en San Andrés co programa ‘Tarde de Música Latinoamericana’, a partir das 20.00 horas. A Banda estará dirixida por Juan Miguel Romero Llopis.

O xoves 23 de xuño, nas horas previas á noite de San Xoán, tamén haberá varias actividades. Durante a mañá, desde as 11.30 horas, no Campo da Leña haberá obradoiros de herbas de San Xoán, xogos populares e unha actuación teatral.

A queima da falla será, como é habitual, ás 23.50 horas. Na explanada do Palacio dos Deportes de Riazor haberá dúas actuacións musicais. Ademais de Miss Caffeína (ás 00.30), ás 22.30 horas estarán Los Mecánicos. Estes concertos pecharán a programación cultural deste San Xoán.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.