Fátima Rodríguez Gonzálvez lidera o novo proxecto do BNG “para reverter o desesperanzador panorama político en Ponteceso”

As portas da formación nacionalista están abertas a todas as persoas que queiran participar no proceso de transformación do concello

“No BNG de Ponteceso, como moitos veciños e veciñas do noso concello, estamos cansas do vergoñento espectáculo político ao que levamos asistindo, moi ao noso pesar, dende hai xa demasiados anos. Fronte á actual situación de desesperanza, polarización, inestabilidade e incerteza, no Bloque Nacionalista Galego estamos traballando para volver a ilusionar á cidadanía cun proxecto político que permita sacar ao noso pobo do burato negro no que se atopa e recuperar os anos perdidos” declaran.

O BNG concorrerá ás próximas eleccións municipais co “compromiso dun traballo continuado dende o primeiro ata o último día do mandato, seguindo as bases e liñas de transformación municipal que xa amosan resultados noutros concellos gobernados pola formación nacionalista; vilas e cidades que medran e desenvolven un territorio máis humano e acolledor para a sociedade, algúns que temos a sorte de coñecer de preto, como é o caso de Carballo, e outros de máis lonxe como Allariz ou Pontevedra”.

A persoa que liderará este proxecto, segundo acordo da asemblea local, será Fátima Rodríguez Gonzálvez, de 41 anos, veciña de A Garga (Anllóns), que seguiu estudos de Enxeñería Técnica de Obras Públicas e na actualidade xestiona a súa propia empresa no ámbito da tecnoloxía con sede en Ponteceso. Forma parte activa do movemento feminista galego, e como tal, toma “o reto de liderar este proxecto como unha forma de participar na ruptura do teito de cristal no ámbito da política local”.

Convencida de que a ilusión é algo contaxioso, Fátima Rodríguez comeza este proxecto cunha gran dose dela, e tamén co enorme reto de transformar a sociedade “para que podamos frear a despoboamento e mesmo reverter a situación e medrar”. Tras máis de 10 anos xestionando a súa empresa, aprendeu que outra forma de facer empresa é posíbel, e está convencida de que “outra forma de facer política tamén é posíbel. Outra forma de facer política para impulsar a economía local poñendo no centro ás persoas e o coidado do territorio”.

“Este novo proxecto transformador do BNG de Ponteceso está aberto a todas as persoas que queiran compartir a nosa ilusión e aportar na construción dun proxecto que como vimos de dicir estará vertebrado a través dun fío condutor principal: a transformación do noso pobo empezando pola transformación do xeito de facer política” convidan dende a formación.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.