Formoso reclámalle á Xunta 140 millóns de euros adicionais para equiparar o investimento en atención primaria de Galicia co resto do Estado

O líder dos socialistas galegos considera “fundamental” un acordo entre PSdeG e goberno galego para “darlle solución ao colapso e saturación da sanidade pública”

Lembra que o Estado ten adxudicado a Galicia 1.600 millóns de euros de fondos Next Generation e urxe ao goberno galego para que “lidere propostas e proxectos sólidos e solventes” para aspirar a estas partidas

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, ofreceulle hoxe ao presidente da Xunta “que nos sentemos e empecemos a traballar” para asignar 140 millóns de euros adicionais no próximo Orzamento da Xunta para equiparar o investimento en atención primaria de Galicia co resto do Estado. Así o dixo no evento Primavera no Camiño Inglés, que organizou hoxe en Sigüeiro o Concello de Oroso.

O responsable socialista emprazou ao conselleiro de Sanidade a ofrecer solucións ao colapso e saturación sanitaria de Galicia na súa comparecencia do Pleno do Parlamento que se celebra esta semana, e no que terá que responder tamén a unha Interpelación presentada polos socialistas galegos para avaliar a situación da atención primaria en Galicia.

Sinalou que a crise do sistema “afecta a tódolos ámbitos da atención primaria”, onde resulta “difícil conseguir unha cita antes de 14 días”, así como na atención hospitalaria, onde as esperas para diagnose de especialista prolónganse ata os 7 ou 8 meses, unha situación “inédita no sistema sanitario galego”. A isto únese o “colapso das urxencias, con corredores ateigados de xente” agardando 48 horas para ter unha habitación.

Fondos EU

En resposta a preguntas dos xornalistas, o líder dos socialistas galegos lembrou que o Estado ten asignado a Galicia 1.600 millóns de euros dos fondos de recuperación Next Generation, dos que 800 son transferidos directamente á Xunta de Galicia. Deste xeito, dixo, “somos unha das comunidades autónomas que máis cartos recebe de Europa a través do goberno do Estado”.

Emprazou ao goberno galego a continuación a “liderar propostas e ser capaz de convence aos promotores de empresas para que presenten proxectos sólidos e solventes, con recursos e soporte técnico que permita a validación nas convocatorias de fondos de recuperación que convoque o goberno”.

Formoso explicou que o feito de que Galicia estea beneficiada a priori no reparto de fondos “non quere dicir que se deixe de apoiar aos proxectos estratéxicos que se convertan en tractores para a economía galega”. Engadiu que “hai que ser conscientes de que hai que priorizar proxectos nunhas convocatorias que van ser de carácter estatal, e nas que tódolos territorios van competir”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.