Formoso reclámalle á Xunta que “poña enriba da mesa incentivos” e melloras laborais para atraer profesionais sanitarios que resolvan o “colapso e saturación” do sistema

O líder dos socialistas galegos reclama en Valdeorras a dimisión do xerente da área sanitaria logo de propoñer que o Concello lle puxera piso aos médicos para resolver as “vacantes escandalosas” derivadas da súa xestión

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, sinalou hoxe que a sanidade galega merece unha xestión con “dignidade política”. Logo de participar na concentración en defensa da sanidade no Hospital de Valdeorras, urxiu á Xunta que “poña enriba da mesa incentivos e tome as medidas necesarias” para mellorar as condicións laborais dos profesionais sanitarios.

O líder dos socialistas galegos afeoulle ao goberno galego a xestión dos últimos 13 anos, que se saldou coa perda de case 1.000 profesionais sanitarios, e reclamou un sistema que vexa neste caso Valdeorras como “un sistema atractivo onde vivir”. Esixiu ademais que o Sergas garanta as coberturas e que “non haxa vacantes tan escandalosas como estamos a observar nesta área sanitaria”.

Emprazou ao presidente da Xunta a que “tome cartas no asunto dunha vez por todas e se faga cargo dunha situación que está a preocupar enormemente á comarca” cun Hospital que “ten que dar servizo a todo un distrito sanitario e adoece de falla de persoal dende hai moito tempo”.

Formoso puxo a “lamentable” situación sanitaria de Valdeorras como exemplo do “colapso e saturación” do sistema sanitario galego. Lembrou que o Hospital comarcal carece de 20 profesionais sanitarios e “só ten 5 especialistas para atender toda unha comarca” e afrontar a tarefa “con dous únicos facultativos”.

Dimisión do xerente

O responsable socialista engadiu que a resposta do xerente da área sanitaria, Félix Rubial, emprazando ao Concello a poñer pisos a disposición dos facultativos “debera de facerlle plantexar a dimisión pola súa parte”. Lembrou que “un país serio como Galicia” ten unha poboación que “merece dignidade política” e un goberno que dispoña dun sistema sanitario con condicións laborais acaídas para atraer aos facultativos.

Valentín González Formoso viaxou hoxe ata a comarca de Valdeorras, onde participou na concentración diante do Hospital comarcal logo de manter un encontro co alcalde, Alfredo García, e os rexedores de Vilamartín de Valdeorras -Enrique Álvarez- e Petín -Raquel Bautista-.

A continuación mantivo un encontro co clúster da pizarra, no que tamén participaron o alcalde de O Barco, o senador Miguel Bautista e o secretario provincial do PSdeG, Rafael Rodríguez Villarino. Xa pola tarde manterá unha xuntanza co Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras e visitará a Cooperativa do Barco.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.