Inés Rey presenta ‘Avanoa, el musical’, un espectáculo inédito e “con ADN coruñés”

O Concello colabora coa estrea desta obra, da coruñesa Valana Producciones, que terá lugar o 6 de outubro no Teatro Colón

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou esta mañá a obra ‘Avanoa, el musical’, unha produción local que se estreará o próximo xoves 6 de outubro cunha dobre función no Teatro Colón e que conta coa colaboración do Concello. Trátase dunha obra de teatro musical orixinal e inédita integramente cantada, representada e interpretada vocal e musicalmente en directo.

‘Avanoa, el musical’ está composto de 154 cancións escritas por Juan José López Romero, Gabriel Nieto Peñamaría e Arturo Bermúdez Cachaza. A adaptación teatral é obra de Sara Pérez Fandiño. O musical está producido por Valana Producciones, unha compañía coruñesa.

A obra conta a historia de Canavar e Masina, fundadores dunha empresa dixital, e o seu conflito con Ratsy, directivo da compañía e partidario dun uso máis agresivo da tecnoloxía. A aparición da personaxe de Kai provocará “situacións extraordinarias que cambiarán para sempre as súas vidas”, apuntaron os autores durante a rolda de prensa.

Inés Rey sinalou durante a súa intervención que se trata dunha obra “con ADN coruñés”. “Que unha compañía coruñesa queira apostar pola na nosa cidade para a creación e estrea dun musical destas características é un motivo de orgullo para os coruñeses e as coruñesas”, sinalou a alcaldesa. ‘Avanoa, el musical’ é unha obra composta, escrita e producida na cidade, que conta con intérpretes, músicos, dirección artística, produción e persoal técnico coruñés. “Este musical é toda unha aposta polo valor cultural intrínseco da nosa cidade e unha grande oportunidade de exportar e levar a outros lugares do país este talento”, engadiu Inés Rey.

A súa estrea será o xoves 6 de outubro. As entradas xa están dispoñibles a través da plataforma en liña de Ataquilla ou na páxina web da obra e nos despachos de billetes do Teatro Colón e da praza de Ourense.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.