Investigadores do CITIC da UDC participan na publicación do mapa máis completo da Vía Láctea

Este pasado luns presentouse a terceira publicación de datos de Gaia, misión espacial da Axencia Espacial Europea (ESA) que aporta o catálogo máis preciso e completo da Vía Láctea

Este pasado luns 13 de xuño tivo lugar a presentación da terceira publicación de datos de Gaia, misión espacial da Axencia Espacial Europea (ESA) cuxo obxectivo principal é medir cunha precisión sen precedentes a posición, os movementos e as propiedades das estrelas da Vía Láctea, creando un mapa multidimensional de case dous mil millóns de estrelas. A astrofísica Minia Manteiga e o enxeñeiro informático Carlos Dafonte lideran ao equipo de investigadores do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña que participan nesta misión espacial.

A información publicada contén información nova e mellorada de case dous millóns de obxectos da Vía Láctea e revoluciona a nosa comprensión da Galaxia. O catálogo inclúe nova información e máis precisa ca do anterior arquivo DR2, coma temperaturas estelares, radios, composicións químicas, masas, idades e a velocidade á que as estrelas se achegan ou afastan de nós. Gran parte desta información foi revelada pola espectroscopia, recentemente publicada, e que é o produto estrela da DR3. A espectroscopia é unha técnica na que se divide a luz das estrelas (coma un arco iris). Así mesmo, o arquivo DR3 recolle subconxuntos especiais de estrelas, coma aquelas que cambian de brillo co tempo, ou estrelas variables. Outra novidade neste conxunto de datos é o catálogo máis grande ata a data de estrelas binarias da Vía Láctea, miles de obxectos do Sistema Solar, entre eles asteroides e lúas de planetas, así coma millóns de galaxias e quásares situados fóra da Vía Láctea.

O equipo investigador do CITIC traballou nas unidades de coordinación 8 e 9 de Gaia. O obxectivo principal da unidade de coordinación 9 foi a creación de técnicas e ferramentas para a verificación da calidade dos datos do satélite e a divulgación dos resultados da misión. Á súa vez, a unidade de coordinación 8 centrouse en deseñar e desenvolver técnicas automatizadas, baseadas na Intelixencia Artificial e na Estatística Inferencial, que permitan a clasificación de todas as fontes que observa o satélite (non só estrelas da Vía Láctea, senón tamén obxectos extragalácticos) e da obtención das súas principais características e propiedades físicas, coma a temperatura e a gravidade das estrelas. Desde o CITIC desenvolveuse unha ferramenta, GUASOM (Gaia Utility for the Analysis of Self-Organizing Maps in DR3), para a visualización en Big Data Astronomy de clustering non supervisado de outliers, que se pode consultar de forma libre.

Xunto co novo conxunto de datos, publicarase unha cincuentena de artigos científicos, dos que nove se centran especificamente en demostrar o gran potencial dos novos datos de Gaia.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.