Jorquera leva ao pleno unha moción sobre a ordenanza de ascensores, co obxectivo de favorecer a accesibilidade universal

A carencia de elevadores en moitos edificios da Coruña está a causar “auténticas situacións de exclusión”

O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, vai defender no próximo Pleno ordinario, a se realizar o 7 de xullo, unha moción para o Goberno Local impulsar a aprobación dunha Ordenanza de Instalacións de Ascensores. O obxectivo, favorecer a accesibilidade universal nos edificios do termo municipal da Coruña.

E é que “a carencia de ascensores” é unha eiva endémica “en moitos edificios da nosa cidade” e está a provocar “auténticas situacións de exclusión”, afirma Jorquera na exposición de motivos desta iniciativa.

E que se pode facer desde o Concello? Pois moitas cousas, apunta o voceiro nacionalista: “Reforzar as liñas de axudas, impulsar a aprobación dunha ordenanza de instalacións de ascensores, apostar –cando fixer falta- nos elevadores comúns a unha mazá de vivendas ou mellorar os servizos de mediación visando procurar solucións cando existiren dificultades nas comunidades de veciños/as para chegar a acordos con vistas á realización de obras de accesibilidade”.

O BNG propón tamén que se abra por parte do Concello unha oficina de información ou, no seu defecto, se proceda ao “nomeamento dunha persoa responsábel, que oriente as persoas interesadas sobre os trámites a realizar, esclareza dúbidas ou resolva as súas consultas”.

En calquera caso, Jorquera remarca que “as limitacións de mobilidade e os problemas de accesibilidade non poden converter a vivenda dunha persoa na súa prisión”.

De aí que “a accesibilidade universal debe ter a consideración dun dereito fundamental, pois é indispensábel para garantir unha auténtica igualdade de oportunidades”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.