Lara Lois e Pablo Rodríguez reinan no Campionato de Galicia XCO de Maceda

A grovense do Moto Bike e o macedao do BH Templo Cafés dominaron as categorías Elite dun evento no que se repartiron trece títulos autonómicos

Un dos principais templos do ciclismo galego acolleu este domingo o gran evento anual do Cross Country Olímpico autonómico. O Campionato de Galicia XCO 2022 celebrouse na localidade ourensá de Maceda con máis de 180 inscritos e trece títulos en xogo. Unha nómina de triunfadoras e triunfadores na que Lara Lois (Moto Bike) revalidou a súa coroa Elite e a gran atracción da xornada, o local Pablo Rodríguez (BH Templo Cafés), exhibiu diante dos seus veciños a súa condición de biker Elite-UCI.

Se o habitual e rápido circuíto do BTT Maceda-Copa Deputación, cita que alcanzou a súa XIII edición, non ten segredos para un corredor, ese é Pablo Rodríguez. A falta dun mes para o Campionato de España, o macedao aproveitou a paréntese do calendario internacional para competir no seu ‘xardín particular’ e lograr o seu primeiro título autonómico elite. O seu triunfo, cun tempo de 1:17:31, asinouno con 2:49 de vantaxe respecto ao gran dominador do calendario galego durante as últimas temporadas, o monfortino Saúl López (Academia Postal-Maceda).

A emoción na carreira estrela do programa masculino centrouse na loita pola terceira praza absoluta. Acadouna o sub23 Anxo Carril (Coruxo), quen ademais de proclamarse campión da súa categoría, resolveu ao seu favor por 19″ o duelo co elite Manuel Parada (Xesteiras). A quinta posición na liña de meta correspondeu a Patrick Pescaru, un dos representantes da selección de Romanía, combinado estatal que se atopa en Galicia realizando un stage.

A presenza de Pablo Rodríguez impediu que Saúl López alcanzara o seu cuarto título consecutivo, obxectivo que si conseguiu Lara Lois nas elites. A grovense do Moto Bike venceu con comodidade tras 1 hora 5 minutos e 36 segundos de carreira ao superar por 6’03» á gañadora sub23 Andrea García (Academia Postal-Maceda). A elite Irene Trabazo (XSM) ocupou o terceiro posto e Desiree Fernández (Ribadumia) completou o podio da categoría raíña.

Cadetes e juniors

Este autonómico supoñía para as cadetes e os cadetes a última competición previa ao Campionato de España que esta semana se disputa en Valladolid. Nos rapaces impúxose Alejandro García (Carballiño) por diante do gañador no 2021 Tomás Pombo (Padronés), mentres que nas rapazas Lorena Villanueva (Compostelano) bateu á vencedora final da Copa de España desta temporada Aroa Otero (Supermercados Froiz).

A selección romanesa anotouse os dous triunfos nas probas juniors. Raissa Costea gañou con 22″ de marxe respecto a Uxía Soto (Supermercados Froiz), nova campioa de Galicia, e os seus compatriotas Antonio Vacarescu e Andrei Illie fixeron primeiro e segundo, respectivamente, nos xuvenís masculinos. Nesta carreira a pugna polo título autonómico estivo moi igualada, con Danny Buba (Coruxo) acadando o título por 23″ de diferenza respecto a André Martínez (Avanza-O Porriño), que dobregou nos últimos metros a Iván Belmonte (Padronés-Cortizo).

Masters

Os bikers ourensáns venceron en tres dos cinco grupos de idade máster. Este 60% de vitorias da provincia anfitrioa asinárono Jose Carlos Sanmiguel (Ourense Termal) nos máster-30, Marina González (Illas Cíes) nas máster-40 e Carlos Gómez (Ourense Termal) nos máster-60. Marcos Mayo (BTT O Treito) nos máster-40 e Francisco Xavier López Cedrón (MTC) nos máster-50 reinaron nas outras dúas categorías.

A clausura da xornada púxose cunha cerimonia de entrega de premios na que participaron o alcalde de Maceda, Rubén Quintas; o médico da proba e concelleiro Celso Sánchez; o director xeral do Grupo Academia Postal, Francisco Novoa; o presidente do Clube Ciclista Maceda, Xulio Conde; e o directivo da Federación Ciclismo Galego, Óscar Sánchez.

O calendario autonómico de XCO continuará en xullo coas dúas últimas xornadas da Copa Galicia, o 9 de en Cuntis e o 17 en Ribadumia.

 

Podios do Campionato de Galicia

Elite feminino

1. Lara Lois (Moto Bike)

2. Irene Trabazo (XSM)

3. Desiree Fernández (Ribadumia)

 

Elite masculino 

1. Pablo Rodríguez (BH Templo Cafés)

2. Saúl López (Academia Postal-Maceda)

3. Manuel Parada (Xesteiras)

 

Sub23 feminino

1. Andrea García (Academia Postal-Maceda)

 

Sub23 masculino

1. Anxo Carril (Coruxo)

2. Diego Marnotes (MPC Terras de Cea)

3. David Aragunde (Armenteira e Punto)

 

Cadete feminino

1. Lorena Patiño (Compostelano)

2. Aroa Otero (Supermercados Froiz)

3. Marta Estévez (Supermercados Froiz)

 

Cadete masculino 

1. Alejandro García (Carballiño)

2. Tomás Pombo (Padronés-Cortizo)

3. Mauro Vega (Coruxo)

 

Júnior feminino

1. Uxía Soto (Supermercados Froiz)

2. Sarela Conde (Academia Postal-Maceda)

3. Laura Mira (Supermercados Froiz)

 

Júnior masculino

1. Danny Buba (Coruxo)

2. André Martínez (Avanza-O Porriño)

3. Iván Belmonte (Padronés-Cortizo)

 

Máster-30 masculino

1. Jose Carlos Sanmiguel (Ourense Termal)

2. Samuel Baña (Toxo)

3. Fernando Guerra (Extol)

 

Máster-40 feminino

1. Marina González (Illas Cíes)

2. Silvia García (Bici Verde)

 

Máster-40 masculino

1. Marcos Mayo (BTT O Treito)

2. Iván Pereira (Xesteiras)

3. Antonio Rodríguez (Ourense Termal)

 

Máster-50 masculino 

1. Francisco López Cedrón (MTC)

2. Óscar González (Máis Que Bicis)

3. Manuel Castro (Toxo)

 

Máster-60 masculino

1. Carlos Gómez (Ourense Termal)

2. José Manuel González (Academia Postal-Maceda)

3. Francisco Eiras (Cambre)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.