Luis Álvarez apunta á “expectativa de chegar a acordos” entre Formoso e Rueda

O portavoz do Grupo Socialista considera “importante que o PP deixe de parecerse á hidra de múltiples cabezas” con mensaxes contraditorias sobre o entendemento co PSdeG

O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, dixo hoxe que os socialistas galegos acudirán á xuntanza desta tarde entre Formoso e Rueda con “expectativas de chegar a acordos”. Puntualizou que estes acordos “pasan por que a Xunta exerza as competencias propias”, e advertiu que “non conten con nós para reforzar a estratexia de enfrontamento do PP e o goberno galego co Estado”.

Subliñou que os socialistas galegos “estaremos á altura das circunstancias” priorizando os intereses dos galegos e das galegas, pero amosou a súa “preocupación pola postura do PP”, que comparou coa “hidra de múltiples cabezas”. Aludiu á diversidade de posicións amosada polo vicepresidente Diego Calvo e á súa nova secretaria Xeral, Paula Prado, para sinalar que “non se pode agardar acordos e por outro lado ver difícil ningún tipo de acordo co PSdeG”.

O responsable socialista emprazou aos populares a que “cando menos se poñan de acordo” entre eles para “ser quen de chegar a acordos para resolver os problemas da Comunidade Autónoma”. Repetiu os eixos da proposta que porá enriba da mesa o líder dos socialistas galegos, que pasan polo reforzo da sanidade pública, cubrindo a totalidade de oferta de MIR ou garantindo a atención en 48 horas polo médico de cabeceira.

Reivindicará tamén un novo modelo de atención ás persoas maiores, con residencias de titularidade pública e o reforzo dos medios humanos para a asistencia aos maiores, despois das “imaxes escalofriantes” da atención “moi deficitaria” aos maiores nas residencias “de contratación privada sen supervisión pública”.

Reclamou tamén un acordo en materia industrial en base á proposta lanzada por Formoso a semana pasada de facer do Inega unha axencia enerxética de participación pública nos proxectos fundamentais para Galicia. Reivindicou un desenvolvemento eólico ordenado e compatible co sector agro gandeiro e que deixe beneficios no territorio, e advertiu: “as mensaxes que aluden á depredación do territorio non serven para nada”.

Luis Álvarez sinalou que o PSdeG “non é un partido sucursalista”, por canto ten demostrado a “defensa dos intereses de Galicia, pero reivindicando a necesaria complicidade dende o punto de vista das competencias autonómicas”. Engadiu sen embargo que “veremos a ver o que é o PPdeG”, e as súas “posicións que vemos cambiar dende que Feijoo asumiu a presidencia do partido”.

Plan de transporte

O responsable socialista afeoulle hoxe ao PP e ao goberno galego que estean trasladando unha “mensaxe falaz” contra o mapa concesional de rutas de transporte público do Ministerio de Transportes que “en realidade é un borrador que vai estar rematado en 2024”. Lamentou que amosen unha sensibilidade moito menor fronte ao “plan mal deseñado” por parte do goberno galego, en alusión ao Plan de Transporte Público de Galicia.

Este documento, que si que está en vigor, e ten á Xunta como responsable único, si que “está a xerar problemas en múltiples comarcas de Galicia, dende o Barbanza ata o Eume, pasando por Fisterra, Ames ou Outes”. Onde a conselleira do ramo ve “pequenas incidencias e desaxustes”, en realidade é “o que hoxe xera problemas en Galicia, e non un borrador que vai ter concreción dentro de 2 anos”.

Emprazou ao goberno galego a “traballar de forma seria e construtiva para que os galegos e as galegas teñan un transporte público axeitado tanto dende a competencia da Xunta como dende o Estado”. Sinaloulle á Xunta que “faga as alegacións que considere pertinentes” ao Estado, e adiantou que os socialistas galegos defenderán un servizo de transporte público sen mingua no rural.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.