Nestor Rego demanda cumprir a normativa de publicidade nas obras de rehabilitación do CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo

Esixe ás administracións galega e estatal cumprir coa política de publicidade e transparencia nas obras financiadas con fondos europeos

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas para coñecer as actuacións que levará a cabo o Goberno español sobre o control e rectificación da publicidade nas obras financiadas con Fondos Europeos destinados ao CEIP Gregorio Sanz en Ribadeo. A organización nacionalista demanda que non se poña en perigo o investimento, polo incumprimento da Xunta de Galicia, e reclaman diálogo entre as administracións para repoñer de maneira correcta a publicidade e cumprir a normativa.

En febreiro, o Concello de Ribadeo recibía un escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, onde se trasladaba unha solicitude de consentimento para a realización dunha serie de actuacións de mellora no CEIP Gregorio Sanz -por ser o titular do inmóbel- facendo referencia ao convenio asinado polo MITMA e a Xunta de Galiza para a execución do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos financiado con fondos europeos. Neste escrito pedíase a declaración responsábel de que o Concello coñece e consente a recepción destes fondos europeos e levar a cabo esas actuacións de mellora, comunicándose así de maneira oficial a concesión dos fondos europeos asignados ao MRR para a execución desta obra.

O acordo incluía unha transferencia directa de fondos do MITMA á Galiza cun importe de 27.331.200 €, destinados a 33 actuacións de rehabilitación de edificios públicos, entre eles centros de educación infantil e primaria, institutos de educación secundaria, centros de interpretación, ou mesmo, edificios administrativos da propia Xunta.

Paralelamente, tamén se puido corroborar que este centro aparece na listaxe de actuacións de “tipo A eficiencia enerxética” cun custo total de 1.005.008 €, e 83 % do custo total, proveñen de fondos europeos. No apartado de cláusulas do convenio, aparecen os requisitos dos inmóbeis que serán obxecto de rehabilitación e tamén os deberes da Consellería en materia de publicidade.

Segundo explica a organización nacionalista, a cláusula décima di literalmente, que entre eses compromisos atópase: “Dar a adecuada publicidade, promoción e información do  PIREP en canto ao financiamento das actuacións que sexan obxecto de subvención. A referida publicidade farase constar mediante a colocación dun cartel ou unha lona en obra co emblema da Unión Europea así como unha declaración de financiamento adecuado que indique «financiado pola Unión Europea NextGenerationEU desde o inicio das obras coa subvención concedida até o remate das mesmas”.

“Hai que facer constar a participación das distintas institucións intervenientes en canta información pública se edite por calquera medio, incluídos os medios electrónicos. Así mesmo, estabelecese a obriga de instalar placas identificativas no exterior dos edificios nas cales se inclúan a referencia ao financiamento con cargo a fondos da UE” explica.

Segundo explica o deputado do BNG, o Goberno do Estado debe dirixirse “á Xunta de Galiza para que faga cumprir os seus compromisos e deberes en materia de publicidade e transparencia, co fin de non poñer en perigo os investimentos financiados con fondos europeos para a rehabilitación integral do CEIP Gregorio Sanz”. Rego quere coñecer as razóns polas que a Xunta incumpriu os apartados de publicidade e transparencia e require repoñer a publicidade da forma correcta para cumprir a normativa e non poñer en risco os fondos europeos destinados para esta obra.

“A Xunta de Galiza, como calquera outra administración, ten uns deberes en canto a publicidade e transparencia cando recibe financiamento doutras institucións; deberes que neste caso non asume por cuestións unicamente de interese electoralista” subliña Rego. Con todo, en opinión do deputado do BNG, faise evidente, que esta forma de proceder é totalmente  malintencionada e irresponsábel. “Pode levar a perder fondos europeos que foron destinados á mellora das instalacións educativas das nenas e nenos ribadenses”  alerta.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.