Noelia Otero acusa á CRTVG de “fuxir cara adiante evitando asumir responsabilidades” logo das sentenzas en contra por “represalias por motivos ideolóxicos”

Advirte de que “a xudicialización das relacións cos traballadores é inaceptable” logo de 400 sentenzas en contra e con 230 procesos xudiciais activos
A parlamentaria socialista, Noelia Otero, acusou ao director xeral da CRTVG de “fuxir cara adiante” ao evitar asumir responsabilidades logo das sentenzas xudiciais en contra que conistatan “represalias por motivos ideolóxicos” contra os traballadores. Otero presentou unha pregunta na Comisión da CRTVG celebrada hoxe no Parlamento na que advertiu que “a xudicialización das relacións cos traballadores é inaceptable”.
Otero alertou fronte á normalización das relacións laborais “baseadas no medo” no ente público, e lembrou que nos últimos 17 anos acumula 400 sentenzas en contra, e neste momento teñen en torno a 230 procesos xudiciais en marcha. Estes casos suman dende atrasos nos pagamentos ata despedimentos nulos ou mesmo discriminación por razóns de sexo ou ideolóxicas.
A responsable socialista acusou ao director xeral do ente de “mesturar litixiosidade laboral coa vulneración de dereitos fundamentais contra traballadores que se teñen mobilizado e participado do movemento Defende a Galega e os Venres Negros contra a manipulación informativa na CRTVG.
Aludiu así ao caso de Tati Moyano e Carlos Jiménez, expedientados por apoiar este movemento, e se ben o caso da primeira traballadora foi arquivado, o de Jiménez rematou coa sentenza do TSXG do pasado 26 de maio constatando o “propósito de represalia” contra o traballador, que fora suspendido 9 días de emprego e soldo, e que precisamente acumula xa 17 sentenzas favorables.
Lembrou tamén o caso de Andrea de Francisco, á que o TSXG tamén lle deu a razón constatando a discriminación laboral ao impedirlle asumir un horario que lle permitira conciliar o coidado da súa filla, e que ademais mantén outros 2 litixios activos para reclamar que a consideren fixa despois de 24 anos acumulando contratos en precario.
Este mesmo ano, a sala do social do TSXG condenou á CRTVG a pagar 173.000 euros ao director de enxeñería de telecomunicacións por despedilo logo de 35 anos, o 7 de abril considerou improcedente o despedimento dunha auxiliar de informativos despedida logo de acumular 183 contratos temporais en 15 anos, o mesmo día que tiveron que tiveron que facer fixo a un operador de vídeo que acumulou 52 contratos temporais entre 2012 e 2016.
A responsable socialista reclamoulle ao director xeral da CRTVG que dera conta da contía que supoñen estes contratos a costa do Orzamento do ente público, por canto “representan unha cuantiosa cantidade de diñeiro público polas custas procesuais, honorarios de avogados e polas contías derivadas de indemnizacións, salarios atrasados e danos morais”.
Contos sobre o papel
Noelia Otero interveu tamén na comparecencia do responsable da CRTVG para informar sobre as contas anuais, que a parlamentaria socialista reduciu a “unha mera declaración de intencións, un copia e pega do informe de xestión do ano anterior, reducíndose a un conto sobre o papel” e que “contrasta coa realidade dos feitos”.
Contrapuxo así o suposto éxito no proceso de dixitalización coa realidade dun procedemento que tivo un sobrecuste de varios millóns de euros “para que agora os redactores teñan que editar os videos en baixa calidade ata un punto absolutamente insoportable”. Alertou ademais que continúan sen aplicar a perspectiva de xénero na dirección dos programas logo dos “feitos lamentables” do ano pasado no Land Rober e no Quen Anda Aí.
Ademais, alertou fronte á “falla de claridade de ideas” na dirección do ente público, que priorizou no seu día a retransmisión do campionato de fútbol gaélico ou unha competición de traíñas en Ares, pero renunciou a emitir o partido final da fase de ascenso do Deportivo, que os galegos e galegas tiveron que seguir pola canle de Castela A Mancha TV, que ten a metade de orzamento da CRTVG.