Noly (S.D. Castriz) Por @DulceCorcu

Ningunha competición como a Liga da Costa para atopar esas historias ás veces nada correntes en moitos dos xogadores que a conforman. Noly é un deles, un deses grandes de pasado triunfal ao que a vida levou por outros camiños para agora traelo de volta ás orixes, alí onde comezou antes de emprender o vóo non só a categorías superiores, senón a cruzar as fronteiras para gañarse o pan na emigración francesa ao longo de oito anos. De novo no fogar, o pasado fíxose presente volvendo, como cantaba Violeta Parra, aos dezasete. A aquel tempo onde vestía por primeira vez a camisola roxinegra do Castriz, a mesma que vén de defender con doce goles e unha titularidade indiscutible que fixo esquecer o paso de tempo.
Noly nacía no Concello de Santa Comba, fillo pródigo da parroquia de Fontecada na que medrou antes de pisar céspede en San Pedro, nun Castriz de paso efímero porque as súas aptitudes non pasaron desapercibidas para aquel Santa Comba de Terceira División no que acabaría despuntando. Máis adiante, no reunificado Xallas con quen foi campión da Copa da Costa, a mesma que este domingo volverá a competir xa nas filas do mesmo equipo onde comezara a súa andaina futbolística. Porque Noly regresaba aos campos despois de que seu primo Saúl, integrante da plantilla, lembrase ese pasado de esplendor que adorna a súa traxectoria para que fose rescatado e traído de volta ás raíces.
