O alcalde recibe ao Laracha CF, campión da 84ª edición da Copa da Coruña

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, recibiu no Concello ao primeiro equipo do Laracha C.F. e á directiva da entidade, flamante gañadora da 84ª edición da Copa da Coruña

O rexedor lembrou a emocionante final vivida no estadio de Riazor o pasado venres no derbi larachés ante o Club do Mar de Caión que non se decidiu ata a quenda dos penaltis.

López Varela destacou a xuventude e o esforzo do plantel larachés durante toda a campaña, e desexoulles un pronto regreso á categoría Preferente, xa que en liga na última xornada confirmaron o descenso a Primeira Autonómica, división na que non militan desde 1992.

O alcalde tamén valorou o traballo que fai o club na base e que ten previsión de reforzar de cara ao próximo ano. Nese sentido, afirmou que “para o Concello é un orgullo cooperar co club cedendo as instalacións de maneira gratuíta e tamén no aspecto económico con subvencións municipais” para potenciar na Laracha a práctica do deporte e os estilos de vida saudables.

O acto concluíu coa entrega por parte do alcalde ao presidente, Juan José Fuentes, dunha figura dun hórreo -símbolos do escudo do Laracha C.F.- cunha gravación que conmemora esta data.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.