O BNG apoia as xornadas de paro da industria siderometalurxica da provincia da Coruña e pide a Xunta “accións para que se cumpran as demandas do persoal”

Mon Fernández insta ao Goberno galego a impulsar, entre as partes,  un acordo que garanta o poder adquisitivo dos salarios e a subrogación do persoal de mantemento en réxime de subcontratación   

O BNG rexistra no Parlamento galego unha batería de iniciativas sobre a negociación do convenio colectivo para a industria siderometalúrxica da provincia da Coruña.

O parlamentario e portavoz de industria do BNG, Mon Fernández amosa o apoio ás xornadas de paro na industria sidermetalúrxica da provincia da Coruña e reclama ao goberno galego un compromiso para chegar a un acordo entre as partes que conleve o cumprimento das demandas do persoal. Neste sentido, lembra que o pasado 26 de abril, as tres centrais sindicais máis representativas de Galicia rexistraron e comunicaron a convocatoria de 4 xornadas de folga no sector da industria do metal da provincia da Coruña. Na actualidade, as mesmas centrais sindicais veñen de anunciar “8 novas xornadas de paro para este mes de xuño”.

A folga, recalca o nacionalista,  prodúcese no marco da negociación do convenio para a industria do metal desta provincia, que leva “decaído desde o 31 de decembro do ano 2019, e que afecta ao redor de 16.000 traballadores e traballadoras co seu salario conxelado dende o ano 2019”. Dous anos e medio nos que o IPC acumula “unha suba de case un 11%.

A negociación da suba salarial e do mecanismo de revisión anual para evitar a perda de poder adquisitivo dos salarios está  no centro das reivindicacións sindicais, mentres que a patronal se nega a asumir o 100% da revalorización salarial que demandan desde a parte social.

A esta reivindicación salarial, Mon Fernández sumou “o dereito de subrogación das persoas que prestan servizos de mantemento, dun xeito permanente, para outras empresas en réxime de subcontratación”. Un dereito, explica o deputado do BNG, “recollido  nos convenios do metal de outras provincias”, como a de Lugo, e de outros sectores, como o da limpeza de edificios ou o  seguridade privada. Este dereito tense demostrado fundamental para evitar que a competencia entre as empresas que prestan os servizos provoquen a  precarización das condicións laborais das persoas que os prestan.

Hai tamén outras demandas sobre a mesa, tanto da parte social como da parte patronal, sobre as que non existe acordo como a redución da xornada e aumento das vacacións, defendida pola parte social e o aumento da distribución irregular da xornada e a posibilidade de realizar contratos fixos discontínuos en réxime de xornada parcial por parte da patronal.

O convenio tamén afecta a empresas do sector industrial con convenio propio que subcontratan parte dos traballos con empresas do convenio do metal, como, Navantia, Repsol, Naturgy ou Movistar.

Mon Fernández pregunta á Xunta se mantivo algún tipo de reunión coas persoas que negocian o convenio colectivo e como afecta á calidade na prestación do servizo público de subministro eléctrico ou de telefonía o feito de que a subcontratación do servizo de mantemento non garanta a subrogación do persoal que o realiza.

Ademais tamén pregunta que posición mantén a Xunta ante a posibilidade de realizar contratos fixos discontínuos a xornada parcial.

O BNG propón no Parlamento de Galicia instar ao Goberno galego a promover as accións necesarias para  conseguir un acordo  entre as partes  que garanta o poder adquisitivo dos salarios e a subrogación do persoal que realiza mantemento en réxime de subcontratación.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.