O BNG de Lugo propón a mellora das condicións laborais do Servizo de Axuda no Fogar

Rubén Arroxo: «Este servizo esencial permite proporcionar atención e as tarefas necesarias para que moitas persoas poidan garantir a súa calidade de vida»

O BNG vén de presentar unha moción de cara ao vindeiro pleno municipal na que se reclama unha mellora nas condicións laborais das traballadoras e traballadores do Servizo de Axuda no Fogar. «Os servizos públicos garanten que a veciñanza poida contar con ferramentas que fagan a vida máis doada», explicou o portavoz do BNG, Rubén Arroxo, que engadiu «o SAF permite garantir o dereito a unha vellez digna, e o persoal que presta este servizo cumpre un papel esencial, proporcionando atención e realizando as tarefas necesarias para que moitas persoas poidan garantir a súa calidade de vida».

A proposta do BNG insta á Xunta de Galiza a asumir a súa competencia neste servizo, mediante a creación dun sistema público e galego de coidados, que garanta o dereito dunha vellez digna a toda a poboación. Ademais, o BNG reclama que o goberno galego traballe xunto coas organizacións sindicais e as empresas, garantindo o cumprimento do convenio colectivo do sector da atención a domicilio, cumprindo co incremento salarial do 6,5% ás traballadoras e traballadores deste servizo.

«As traballadoras do SAF levan loitando moitos anos pola súa profesionalización e contra os abusos das empresas concesionarias», declarou Rubén Arroxo. Segundo o portavoz do BNG, «é de dereito recoñecer e facer efectivos os convenios do sector, e avanzar na mellora das condicións laborais das traballadoras e traballadores deste servizo esencial».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.