O BNG mantén unha ofensiva para axilizar a conexión ferroviaria Vigo – Porto e impulsar o Corredor Atlántico

Ana Miranda e Xabier P. Igrexas reclaman a modernización e mellora da rede e dos servizos ferroviarios, que inclúen a saída sur de Vigo como instrumento fundamental de vertebración territorial

Diante da inacción do goberno estatal para impulsar a vertente galega do Corredor Atlántico e mellorar a conexión ferroviaria entre Vigo e Porto, a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, e o portavoz municipal do BNG vigués, Xabier P. Igrexas, subliñaron que o BNG está desenvolvendo unha ofensiva nas institucións para que Galiza non continúe no retraso de vertebrar as conexións entre Galicia e o norte de Portugal.

Para o Bloque é imprescindible a modernización e a mellora do servizo da liña ferroviaria entre Vigo e Porto e por iso vén de presentar iniciativas no Parlamento Europeo e no Congreso para que estas infraestruturas e a integración da liña de mercadorías Vigo – Porto no Corredor Noroeste teñan garantido o financiamento con fondos europeos. En concreto, a iniciativa presentada na Eurocámara a través da coalición na que está integrada o Bloque pregunta os prazos concretos e o orzamento para desenvolver as infraestruturas correspondentes.

O BNG considera fundamental acometer a modernización e mellora da rede e os servizos ferroviarios, que inclúen a saída sur de Vigo, como instrumento fundamental de vertebración territorial, cohesión social, desenvolvemento sustentable e conciliación entre a vida laboral e familiar. “Trátase dunha reivindicación histórica que leva 20 anos de anuncios”, salientan. “A falta de vontade política de PP e PSOE nos sucesivos gobernos do Estado para levar a cabo a modernización da liña entre Vigo e Porto impide que Galiza deixe de estar discriminada, xa que decidiron investir noutros territorios en detrimento de Galiza, o cal só provoca un retraso continuado das datas”, explica Ana Miranda.

Defensa desde Portugal

“Resulta moi curioso que sexa o primeiro ministro de Portugal o que reclame a alta velocidade entre Galiza e Portugal e defenda a mellora da conexión ferroviaria entre Lisboa e Vigo”, comenta Ana Miranda en relación ás declaracións de Antonio Costa, quen en diferentes manifestacións salientou a importancia de reducir os tempos de viaxe entre Vigo e Porto. De feito, xa en 2020 o goberno portugués publicou o Programa Nacional de Investimentos 2030 que no referido ao transporte ferroviario dá interese estratéxico ás conexións Lisboa-Porto e entre Porto e o Miño.

Este proxecto contempla, unha vez desenvolto este plan, a duración da viaxe entre Vigo e Porto reducirase de 2 horas 23 minutos a 55 minutos e a viaxe entre Vigo e Lisboa quedaría reducida a 2 horas e media. Neste sentido, a iniciativa presentada polo Bloque no Congreso pregunta ao goberno español que posición mantén o Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana ante las declaracións do Ministro luso del ramo, apelando a impulsar a modernización da conexión ferroviaria Vigo – Porto.

Conexión estratéxica para Vigo

Por outra parte, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, subliñou a “importancia estratéxica” que para Vigo e a súa área ten a conexión ferroviaria con Portugal. “Trátase dun elemento esencial se queremos liderar a Eurorrexión Galiza – Norte de Portugal”, advertiu.

Igrexas cualificou de “indefendíbel” que nesta altura dúas urbes como Vigo e Porto estean conectadas por apenas dúas frecuencias diarias cun tren que tarda case 2 horas e media en completar o percorrido. “Algo así non sucede en ningún outro lugar de Europa. Falamos dun tren que tarda case 45 minutos máis que o traxecto en coche por estrada para conectar dúas grandes áreas urbanas”, enfatizou.

O portavoz municipal nacionalista urxiu a mellora substancial de frecuencias, a modernización da infraestrutura e do material rodante na conexión convencional, e instou a acelerar de verdade o desenvolvemento da Saída Sur para completar a conexión de alta velocidade.

A respecto desta última cuestión, Igrexas afirmou que “o feito inaceptábel de que en pleno 2022 inda esteamos pendentes dun estudo de alternativas para a Saída Sur é a evidencia incontestábel do abandono que Vigo e Galiza padecemos en materia ferroviaria por parte dos sucesivos gobernos españois, do PSOE ou do PP”.

Igrexas reclamou ao actual executivo central de PSOE e Unidas Podemos que abandone a “cegueira centralista coa que seguen castigando a cidade e o conxunto do noso País. As viguesas e vigueses estamos xa fartas da promesas e boas palabras. Queremos compromisos reais no BOE”, esixiu.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.