O centro de día, A Ponte Remesquide ou o punto limpo protagonizarán o pleno ordinario de Touro

O luns 20 ás 13:30 celebrarase o pleno ordinario na casa da cultura do concello de Touro
O Movemento Veciñal de Touro, principal grupo da oposición, levará varias propostas ao pleno entre as que destacan a utilización do remanente municipal para a creación dun centro de día, a subida das axudas ás comisións de festas, a reparación da Ponte Remesquide ou o encargo dun estudo sobre os recursos hídricos do concello.
CENTRO DE DÍA, PUNTO LIMPO E SERVIZO DE CONCILIACIÓN
O concello de Touro debaterá sobre o uso de máis dun millón de euros de remanente que o goberno local pretende utilizar en varias obras consistentes en aceras e asfaltados de vías secundarias. O Movemento Veciñal de Touro defenderá unha proposta alternativa para priorizar eses cartos na creación dun centro de día, a posta en marcha dun punto limpo ou a ampliación do horario do Punto de Atención á infancia que redunde nunha mellora da conciliación para as familias de Touro.
AXUDAS ÁS COMISIÓNS DE FESTAS DO CONCELLO
Unha das propostas que levamos é a de polo menos duplicar as axudas ás comisións de festas xa que o crédito orzamentario do ano pasado non se gastou e os gastos incrementáronse de xeito notable. Tamén solicitaremos que se aplique con carácter retroactivo ás festas que xa se celebraron durante este ano 2022.
REPARACIÓN DA PONTE REMESQUIDE
As torrenciais choivas de primavera completaron a destrución, xa avanzada previamente, do asfalto da ponte Remesquide, unha infraestrutura importante para a comunicación do Concello de Touro con Vila de Cruces e a provincia de Pontevedra, e moi empregada polos veciños de ambos concellos. Por isto propoñeremos o seu arranxo inmediato.
PROPOSICIÓN PARA A REALIZACIÓN DUN ESTUDO SOBRE OS RECURSOS HÍDRICOS DO CONCELLO E A SÚA PROTECCIÓN
Ante a tendencia á desertificación do solo en xeral na península ibérica, e ante a contaminación e o descoido dos recursos hídricos do ámbito territorial de Touro en particular, fanse precisas actuacións que garantan a sostibilidade dos usos da auga e a protección das fontes naturais deste recurso.
Para poder realizar tales actuacións é necesario ter coñecemento profundo da situación destes recursos no territorio do concello e para iso precísase un estudo que determine o seu estado e as medidas a tomar para tal protección ou optimización do seu uso.