O Coliseum da Coruña será mañá unha das grandes prazas da nova xira de Alejandro Sanz en España

Pola coincidencia coa noite de San Xoán, o Concello da Coruña despregou un dispositivo especial de tráfico e reforzou o servicio de transporte urbano para a saída do concerto, que comezará ás 22.30 horas, con apertura de portas ás 20.30 horas

O Coliseum da Coruña acollerá mañá, xoves 23 de xuño, o agardado concerto de Alejandro Sanz, tras dous anos de espera debido á pandemia. O cantante presentará ‘Sanz en Vivo’, a xira máis grande programada para este ano con 17 concertos en 13 cidades españolas, na que repasará os seus grandes éxitos e os temas incluídos en ‘Sanz’, o seu novo álbum de estudio.

Neste disco recopilatorio editado a finais do pasado ano e producido por Alfonso Pérez e Javier Limón, Alejandro Sanz celebra 30 anos de éxitos e percorre distintos estilos cos coidados arranxos que veñen marcando toda a súa traxectoria.

Xa quedan moi poucas entradas dispoñibles, que se poden adquirir en Ataquilla.com. A apertura de portas realizarase ás 20.30 horas e o concerto comezará ás 22:30 horas. Debido á súa coincidencia coas actividades principais das Festas de San Xoán, o Concello da Coruña despregou un dispositivo especial de tráfico na zona do Coliseum e tamén se reforzará o servizo de transporte urbano para a saída do recinto, con tres autobuses desde a avenida de Alfonso Molina, xunto á pasarela peonil, ata a praza de Pontevedra.

Próximos concertos programados no Coliseum da Coruña

Nos próximos meses, o Coliseum da Coruña continuará abrindo as súas portas a outros grandes artistas do panorama nacional e internacional, sumando citas ao ciclo de concertos de este ano 2022. Entre eles destaca o concerto da artista Rosalía, que presentará o día 29 de xullo o seu último traballo, ‘Motomami’.

Durante os próximos meses tamén está previsto que actúen na Coruña intérpretes e grupos da categoría de Joan Manuel Serrat, Camilo, Simple Minds, Leiva, Malú, Melendi, Dani Martín ou Antonio Orozco, entre outros.

 

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.