O Concello da Coruña aproba axudas de ata 2.000 € para persoas autónomas e micropemes

As persoas interesadas poderán solicitar as axudas desde o 16 de agosto ata o 16 de setembro

A Xunta de Goberno Local do Concello da Coruña aprobou esta mañá unha nova liña de axudas persoas autónomas e micropemes, axudas que teñen como fin contribuír ao mantemento e impulso da actividade económica.

Esta iniciativa executa un dos acordos orzamentarios entre Marea Atlántica e o goberno municipal, no que se pactou destinar 400.000 euros a ditas achegas, ás que poderán optar as persoas autónomas e tamén aquelas pequenas empresas que teñan menos de 10 empregados e facturen menos de 1 millón de euros ao ano. O obxectivo é axudar ao tecido económico local ante o reto de afrontar as consecuencias da pandemia e da actual situación de crise.

A contía máxima que se concederá a cada solicitante é de 2.000 euros, que se poderán dedicar ao pagamento das cotas da Seguridade Social, mutualidades, colexios profesionais ou equivalentes. Poderán solicitarse por vía electrónica a partir do 16 de agosto e ata o 16 de setembro, e para cursar a petición abonda con asinar unha declaración responsable, na procura dunha tramitación o máis rápida e sinxela posible.

O voceiro do goberno, José Manuel Lage destacou que “esta axuda permitirá dar un impulso aos autónomos e pequenos empresarios para afrontar a recuperación económica e pon de manifesto que o goberno local segue a estar ao lado dos emprendedores da cidade como fixo ao longo da pandemia co PRESCO”

Para María García, voceira da Marea Atlántica, esta nova liña de axudas é “unha man tendida a aqueles negocios locais que máis o precisan, e que son a maioría dos que traballan na Coruña, e un exemplo de que as institucións poden estar aí cando existe vontade política. Medidas coma esta poñen en valor o acordo que fixo posible ter este ano uns orzamentos adaptados á crise que estamos a vivir”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.