O Concello renovará o paseo marítimo no tramo que conecta o dique de abrigo e o cemiterio de San Amaro

Os traballos abranguen o soterramento dos raíles do tranvía nun tramo de quilómetro e medio, así como a previsión de axardinar case 7.000 metros cadrados na contorna

O Concello da Coruña aprobou hoxe, en Xunta de Goberno Local, a licitación dos traballos para a reurbanización do tramo do paseo marítimo entre o dique de abrigo e o cemiterio de San Amaro, un percorrido de case quilómetro e medio de lonxitude que será renovado e mellorado co obxectivo de humanizar un espazo emblemático da cidade.

A alcaldesa, Inés Rey, puxo en valor o proxecto, integrado dentro da Estratexia Urbana de Desenvolvemento Sostible (EIDUS), e que implicará un investimento de 3,1 millóns de euros, cofinanciados con fondos europeos FEDER. “Desta forma, poderemos acometer a transformación integral do sector leste do Paseo Marítimo e mellorar a contorna en termos urbanos e ambientais”, sinalou a rexedora.

A intervención supón a substitución do firme e o soterramento dos carrís do tranvía desde o viaduto que comezar á altura das Ánimas. Ademais, modificarase o carril bici, bidireccional e de 2,5 metros de ancho; tamén o carril para corredores, bidireccional e 2 de metros de ancho. Tamén se reordenarán os espazos de circulación de bicicletas e vehículos motorizados, que estarán separados grazas á disposición dunha ringleira de elementos vexetais.

Por outra banda, ampliaranse as zonas verdes xa existentes, coa previsión do axardinamento de case 7.000 metros cadrados e o incremento de arboredo, coa plantación de novos exemplares de bidueiros e liquidámbar. Ademais, disporase unha rede de aspersores para a súa idónea conservación.

O plan de humanización e mellora neste tramo do paseo marítimo tamén abrangue a creación dun novo espazo de xogos infantís e un circuíto de calistenia, orientado á práctica de exercicio físico, que estarán situados fronte á enseada dos Pelamios. Ademais, neste enclave disporanse dúas zonas de estacionamento para bicicletas.

Os traballos terán un prazo de execución de dez meses a partir da súa adxudicación. Neste sentido, o prazo de presentación rematará o vindeiro 19 de xullo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.