O desemprego en Galicia sitúase por debaixo das 150.000 persoas por primeira vez dende 2008

Cae o paro na evolución anual e mensual e nas principais variables: en todos os sectores de actividade, nas catro provincias e nas sete grandes cidades

Galicia pechou o mes de maio con 146.120 persoas sen emprego, a menor cifra nun mes de maio de toda a serie histórica (1996) e tamén a máis baixa desde setembro de 2007, cando se rexistraron na comunidade autónoma 140.960 parados. Ademais, o número de persoas sen emprego sitúase por debaixo das 150.000 persoas por primeira vez desde 2008 (en xullo dese ano houbo 149.318 persoas desempregadas).

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, valorou hoxe os datos do paro rexistrado correspondentes ao mes de maio e tamén a evolución das afiliacións á Seguridade Social.

En canto ao paro, salientou que con respecto ao inicio da pandemia (febreiro 2020), o desemprego reduciuse na comunidade galega nun -12,10% fronte ao -9,95% do Estado. Sinalou, ademais, que o desempregou caeu na evolución anual e mensual e nas principais variables: en todos os sectores de actividade (liderando o descenso a industria), nas catro provincias e nas sete grandes cidades. Lado tamén destacou o comportamento favorable dos colectivos con máis dificultades para atopar un emprego, como son as mulleres, os parados de longa duración e os menores de 30 anos. As afiliacións, pola súa banda, creceron tamén con respecto a maio de 2021 e ao mes pasado.

Máis polo miúdo, na evolución anual, con respecto a maio de 2021, o desemprego caeu nun -11,61% (-19.186 persoas), o que supón que Galicia leva máis dun ano consecutivo rexistrando baixadas do paro na evolución anual. O desemprego baixou nas catro provincias e nas sete grandes cidades e en todos os sectores económicos (a industria cun -16,01%; a construción cun -12,84%; os servizos cun -12,05%; e a agricultura e a pesca cun -7,67%). En canto aos colectivos prioritarios, diminuíu especialmente entre os menores de 30 anos (-13,52%), e tamén caeu nas mulleres (-11,51%) e entre os parados de longa duración (-22,06%).

Doutra banda, as afiliacións creceron en 30.220 persoas (+2,99%), o que supón que Galicia continúa a crear emprego. A cifra de cotizacións á Seguridade Social (1.040.748) sitúase a un nivel superior ao reflectido hai 13 anos (maio 2009).

Evolución mensual

Con respecto á evolución mensual, o paro caeu nun -2,98% (-4.482 persoas) baixando, ao igual que con respecto á comparativa anual, en todas as provincias e nas sete grandes cidades. Descendeu tamén en todos os sectores de actividade, liderando a industria a caída cun -3,33%. O desemprego baixou tamén nos principais colectivos. O maior ritmo de descenso rexistrouse entre os menores de 30 anos (-7,14%).

As afiliacións, ao igual que na evolución anual, aumentaron. Con respecto a abril medraron nun 0,65% (+6.751 persoas) e, deste xeito, no que vai de ano (xaneiro-maio), as cotizacións están a aumentar de xeito consecutivo con respecto ao mes anterior.

En palabras de Zeltia Lado, a prioridade da Xunta de Galicia sigue a ser a creación de emprego de calidade. Para iso, segundo engadiu, é clave, a formación para o emprego e continuar apostando “de xeito decidido” polo emprendemento e polas axudas para a contratación dos colectivos que máis precisan dun traballo. No eido do emprendemento, Lado puxo en valor a nova Dirección Xeral específica que vén de crear o Goberno galego para continuar impulsando iniciativas empresariais “coas que contribuír en Galicia á xeración de emprego de calidade”.

A nova dirección integra a rede de emprendemento que existe xa en Galicia (coas aceleradoras ou espazos coworking, entre outros instrumentos), e xestionará tamén os Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego de Galicia, en fase de creación, que suporá a implantación de 12 polos distribuídos por toda a comunidade para avaliar potencialidades de negocio en cada comarca.

Lado tamén sinalou que a Administración autonómica continúa, ademais, dando pulo á economía social, cun impacto na comunidade galega de máis de 3.000 millóns de euros, que representa o 7% do PIB, e que sigue a demostrar a súa resistencia fronte a períodos de crise. A Xunta neste eido -recordou- vén de investir máis de 3 millóns de euros nos bonos Consolida e Es-Transforma con apoios máximos de ata 74.000 euros.

No ámbito da formación para o emprego, a directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación apuntou que o Goberno galego segue desenvolvendo o Plan galego de formación para persoas ocupadas e desempregadas; e, ao respecto, lembrou que se vén de abrir o prazo de solicitude das axudas para a realización de cursos de formación para desempregados, máis de 50 millóns de euros (+12%) para mellorar as cualificacións de 12.000 persoas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.