O Goberno afirma que a ADIF non lle consta o proxecto de pasarela sobre a Ría do Burgo e a Xunta indica que é só “unha proposta”

“O que fixo o PP desde a Xunta foi presentar un proxecto fume, sen base real, nin coñecemento por parte das administracións afectadas”, afirma Néstor Rego

Néstor Rego e Mercedes Queixas, parlamentares do BNG no Congreso e na cámara galega, respectivamente, recibiron senllas respostas a preguntas formuladas aos gobernos do Estado e galego en relación ao proxecto de construción dunha pasarela entre As Xubias e a praia de Santa Cristina.

Na resposta do Goberno do Estado consígnase que o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) non ten “constancia de ter recibido ningunha solicitude nin consulta ao respecto” por parte da Xunta de Galicia.

É obvio, como sinala Néstor Rego na pregunta que dá orixe a esta resposta, que a construción da pasarela precisa como trámite previo dun informe favorábel de ADIF –tamén da Dirección Xeral de Aviación Civil- sendo que o emprazamento elixido afecta “as servidumes da infraestrutura do ferrocarril e do aeroporto”.

O propio Goberno galego, en resposta a Mercedes Queixas, rebaixa o ton do proxecto e fala del meramente como unha proposta. Admite a Xunta implicitamente que aínda non ten os preceptivos nihil obstat da Administración estatal: “O obxectivo da Xunta (…) é alcanzar un consenso cos concellos da Coruña e de Oleiros. Tamén, loxicamente, contar cos informes preceptivos correspondentes dos organismos estatais, Demarcación de Costas, Dirección Xeral de Aviación Civil e ADIF, xa que o contrario suporía invalidar a actuación”.

Mais, de acordo coa resposta do Goberno central a Néstor Rego, a Xunta non tería dado nin o primeiro paso para contar co plácet cando menos do ADIF.

“O sorprendente é que a estas alturas, e en virtude da resposta que se nos ofrece, a Administración central non ten ningún coñecemento deste proxecto. Sorprende porque debe contar coa aprobación de departamentos como o ADIF, a Dirección Xeral de Aviación Civil e a Demarcación de Costas”, remarca Néstor Rego.

Para o parlamentar do BNG, semella claro que “o que fixo o PP desde a Xunta de Galiza foi presentar un proxecto fume, sen base real, e sen o coñecemento previo de ningunha das administracións, nin as locais nin a estatal, concernidas por el”.

Rego sinala que ao BNG a proposta da Xunta xéralle “dúbidas razoábeis”, en atención a que “hai unha importante afectación ambiental sobre unha zona especialmente sensíbel”, e sobre todo porque existen alternativas cun moito menor impacto, “por exemplo a opción de crear unha pasarela en paralelo á Ponte Pasaxe pola parte inferior da mesma”, tal e como propón o Grupo Naturalista Hábitat.

Para o BNG, os proxectos deben presentarse con “seriedade”, “solvencia” e “co debido contraste tanto coas administracións como coa propia sociedade”, visando procurar as alternativas máis favorábeis do punto de vista da sustentabilidade ambiental e social, na procura de políticas que resolvan os problemas de mobilidade na contorna urbana da Coruña.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.