O Golfo Ártabro Sur reúne os GALPs de toda España para debater sobre innovación no sector pesqueiro

O GALP Golfo Ártabro Sur presentará o proxecto de economía circular “Mobiliario de formigón reciclado producido con casca de mexillón”

O GALP Golfo Ártabro Sur será este martes 28 (10.00 – 14.00h) o anfitrión da xornada «Proxectos de I+D+i da cadea de valor do sector pesqueiro» á que están convidados os 41 Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de toda España. Durante este foro de coñecemento poñerán en común oito casos de éxito de I+D+i sobresalientes que deixan constancia das amplas, e diversas, posibilidades que ofrece o mundo do mar en xeral para innovar, diversificar negocio e continuar sendo unha fonte de riqueza nos seus territorios.

Os interesados aínda poden inscribirse para asistir no email golfoartabrosur@gmail.com.

A inauguración do evento correrá a cargo de José María Solano, coordinador da Red Española de Grupos de Pesca (REGP), de Susana Rodríguez, directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Xunta de Galicia e de Alberto Castro, presidente do GALP Golfo Ártabro Sur.

Casca de mexillóns transformada en mobiliario

No caso do GALP Golfo Ártabro Sur expoñerase o proxecto “Mobiliario de formigón reciclado producido con casca de mexillón” (https://concretho.com/) promovido pola empresa de Cambre, Construcciones Ramos. Esta é unha iniciativa xurdida en 2016 da inquietude emprendedora de César e Rocío Amil, fillos do fundador e actuais propietarios, para innovar o negocio familiar cunha vertente ambiental e aproveitar un residuo tan abundante na nosa comunidade como é a casca de mexillón.

Máis aló do uso estrutural do formigón, explica César Amil, quixeron empregar este material en todo tipo de mobiliario decorativo de interior. Desde mesados para cociñas a lavabos, mobles de baño, mesas ou escaleiras,… cun gran valor engadido xa que o 50% da mestura provén de materiais de residuo. En concreto, 25% de cunchas de mexillón e outros bivalvos trituradas e deshidratas, e 25% de áridos reciclados. Tras un proxecto de I+D+i propio, a súa formulación está patentada. Deste xeito, os produtos de Construcciones Ramos ofrecen unha saída “circular” e unha nova vida a este residuo do sector pesqueiro que doutra maneira acabaría no vertedoiro.

Por estes motivos, o GALP Golfo Ártabro Sur decidiu apoiar este proxecto emprendedor concedéndolle unha subvención xa que é un claro exemplo das posibilidades de diversificación da actividade no sector mar-pesca no seu territorio de actuación. Á vez, destacan, fomentouse o aproveitamento sostible do patrimonio medioambiental, incluíndo accións específicas contra o cambio climático e de transición a unha economía de baixas emisións de carbono.

O importe da axuda destinouse á fabricación dunha liña completa de mobiliario de formigón reciclado producido con casca de mexillón e ao recinto onde se expón.

Outros casos de éxito relevantes

Durante este foro, os restantes relatores falarán doutras iniciativas na cadea de valor do sector pesqueiro que, por extensión, poderán servir de inspiración para futuros promotores. Comezará o GALP Ría de Pontevedra presentando un “Obradoiro de pasteurizado para novos produtos do mar de calidade certificada” e, a continuación o GALP Oriental de Cantabria falará do Laboratorio Norte “un centro de análise de alimentos, asesoramento e control de calidade no sector pesqueiro e outros afíns”.

Pola súa banda, o GALP Costa Sostible destacará os estudos realizados pola USC a pedimento da Confraría de Noia para valorización do berberecho da ría de Muros- Noia e o Itsas Garapen Elkartea, do País Vasco, explicará un proxecto para valorizar o residuo da salmoira da anchoa en salgadura para obter o “garum”, un potenciador de sabor exclusivo coñecido como “umami“ ou o “quinto sabor”.

Tras o descanso, será a quenda do GALP Ría de Arousa para explicar “Novas estratexias de comercialización dos produtos do mar: snacks saudables e de calidades diferenciada” que apoiaron en Ribeira (A Coruña). O GALP La Safor, da zona Gandía-Albufera, contextualizará a iniciativa “Estruturas para facilitar a cría de xiba, lura e polbo” e antes do último relatorio a cargo dos anfitrións, o GALP Costa Brava expoñerá a experiencia “Valorización do peixe azul pola mellora da competitividade do sector pesqueiro” promovido polo Instituto de Investigación y Tecnología Agroalimentaria (IRTA).

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.