O Obradoiro de Emprego CAMIÑO DO SOLPOR IV presenta “Xullo pola Costa”

Visitas guiadas e prácticas formativas nas oficinas de turismo servirán como colofón final da formación

O obradoiro de emprego “CAMIÑO DO SOLPOR IV” na súa recta final ampliará a oferta de rutas nos diferentes concellos nos que se desenvolve debido á boa acollida por parte do público durante os meses de maio e xuño.

“Xullo pola costa”, é un programa elaborado integramente polo alumnado-traballador, que engloba dende o deseño até o contacto cos visitantes. Terá lugar todos os martes e xoves o vindeiro mes de xullo, o obxectivo é a posta en valor dos diferentes atractivos das vilas, así coma que a poboación local e visitantes os coñezan.

Neste mesmo mes o alumnado-traballador comeza coas súas prácticas formativas nas Oficinas de turismo dos concellos participantes: Dumbría, Cee e Corcubión.

Programación:

Concello de Cee:

  • Lires: Os camiños das mulleres infinitas, os días 5 e 12 de xullo. No percorrido os visitantes poderán mergullarse nos traballos e saberes das mulleres da parroquia de Lires gozando ao mesmo tempo do mar, das praias e da maxia do lugar. Trátase dun roteiro circular, de 7km cunha duración aproximada de 3h e 30 min, que partirá as 9h 30 min da mañá dende a igrexa de Santo Estevo.
  • Os días 14 e 21 de xullo, Cee: Pegadas da nosa historia, unha ruta urbana que se desenvolverá dende o paseo marítimo ao casco histórico. A visita pretende a través dos diversos elementos patrimoniais e persoeiros destacados dar a coñecer o pasado da vila. O punto de encontro será nas casetas do paseo marítimo ás 11h00 da mañá e contará cunha duración aproximada de 1h e 45 min.

Concello de Corcubión:

  • Cunha viaxe ao pasado industrial e mariñeiro de Corcubión, co nome de Mar, Carbón e Sal na que se pon en valor a importancia que tivo o mar nesta vila, seguindo os restos e tesouros que chegaron ata os nosos días. Duración aproximada de 1h e 30 min, partirá da Oficina de Información Turística de Corcubión ás 11h00, os días 5 e 12 de Xullo.
  • Dende este mesmo punto, á mesma hora reencontrarémonos o 7 e 19 de Xullo con Un paseo pola historia de Corcubión, que transcurrirá polo casco histórico desta vila mariñeira e terá como fio condutor a historia, o patrimonio e a tradición oral. Terá unha duración de 2h e partirá da Oficina de Turismo de Corcubión ás 11h00.

Concello de Dumbría:

  • O concello anfitrión realizará a visita “Luces de saín: as mulleres do Ézaro a través dos ollos de Ruth Matilda Anderson” os días 7 e 14 de xullo. A ruta pretende visibilizar unha historia, a das mulleres do Ézaro que permaneceu oculta durante séculos e que en parte foi e segue a ser descoñecida. Cunha duración de 1h e 30 min partirá ás 11h00 da escultura do Golfiño do paseo marítimo do Ézaro.

Inscrición e reservas

As visitas guiadas terán un aforo limitado por orde de inscrición, polo que será necesario anotarse previamente de luns a venres de 9-14h no teléfono 676 657 565.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.