O outro bo tempo. Por @DulceCorcu

Nada máis atemporal que falar do tempo, da climatoloxía como se fose un fenómeno que descubrisemos en cada estación. E quizais sexa así, porque cada vez resulta máis difícil recoñecer a orde cronolóxica estacional, convertida nun caos que nos achicharra en primaveira ou trae a seca en inverno. O cambio climático que nunca víu vir o primo de Rajoy pero que padecemos en carne propia frecuentemente, polo menos no que a España se refire, porque nós, norteños desta alonxada periferia, vivimos a miúdo noutra dimensión térmica, a das temperaturas que se resisten a subir e o Nordés omnipresente. O cálido oasis que non precisa máis aire acondicionado que abrir a fiestra.

Non hai día no que as novas informativas non abran coa vaga de calor, cos corenta graos de media que abrasan o territorio en canto traspasas a nosa verde fronteira. Un inferno que na Costa galega apenas se atreve a asentar, con algunha borrasca sempre desposta para arrefríar o ambiente e combater foráneos coma o ardente aire africano. Xentes laiándose de vivir en lugares onde a vida é incompatible con poñer un pé na rúa, mentres os que habitamos lugares como a Costa da Morte amencemos coa borraxeira tapando o sol e engulindo o mar. Unha chaqueta no coche por se acaso, non vaia ser que ao final non descubra e a húmida néboa nos cale os ósos. Venos o mapa do tempo entre atónitos e incrédulos, a homes, mulleres e cativos bañándose nas fontes das cidades, cansos de agardar nesas casas a escuras a que o sol deixe de torturalos. Galicia é diferente, a Galicia costeira de salitre no vendaval e tormenta cando o termómetro ousa subir máis da conta. Somos ese paraíso onde «bo tempo» é o outro: o que nos leva a contracorrente e fai de cousas cotiáns coma durmir, un pracer case inasequible para milleiros de persoas ao longo de varios meses. Vivir como galegos…Todo un luxo se é verán.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.