O Plan Único da Deputación da Coruña inxecta preto de 90 M€ nos concellos coruñeses

O pleno aprobou por unanimidade o POS+2022, que inclúe o financiamento de 260 obras na súa primeira fase

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe por unanimidade de todos os grupos políticos o Plan Único (POS+2022), que este ano investirá 87,9 millóns de euros nos 93 concellos da provincia.

O Plan Único é o maior plan de obras e servizos das catro deputacións galegas e un dos máis importantes de España, con achegas económicas aos municipios que representan case a metade do orzamento anual da Deputación da Coruña.  Ademáis, permite que sexan os municipios os que decidan o destino de fondos en función das súas necesidades: obras e investimentos, mantemento de servizos públicos esenciais, gasto corrente, redución da débeda ou mantemento de servizos e axudas sociais.

«Desde a súa creación hai cinco anos, o Plan Único consolidouse como unha ferramenta imprescindible para que os concellos podan financiar obras e servizos que melloran a vida da cidadanía en todos os concellos da provincia», afirmou Formoso, que destacou tamén «a capacidade de adaptación do POS+ ao escenario socioeconómico actual», prestando apoio aos concellos ante situacións tan graves como as que temos vivido nos últimos anos: a pandemia e a crise económica derivada da Guerra de Ucraína.

Neste sentido apuntou que, desde o ano pasado, o Plan Único inclúe un Fondo Social destinado ao financiamento de programas sociais municipais que apoian aos colectivos máis desfavorecidos ou afectados pola pandemia. Un total de 21 millóns de euros foron destinados a este fin, 7 deles durante este 2022. Reforzo dos servizos de asistencia no fogar para persoas maiores, programas de conciliación familiar e laboral ou axudas directas ás familias máis vulnerables son algúns dos programas que financia nos concellos este fondo social do POS+.

Ademáis, para apoiar aos municipios coruñeses na actual situación de crise, a Deputación permite este ano destinar parte dos fondos do Plan Único aos sobrecustos derivados da suba do prezo da luz, o gas, os carburantes e as obras públicas, cuxos prezos se elevaron notablemente nos últimos meses e que supoñen un serio problema non só para familias e empresas, senón tamén para as economías municipais.

No destino dos fondos aprobados hoxe figuran un total de 23,3 millóns para o financiamento de 260 obras na totalidade dos concellos da provincia; 14,5 millóns ao financiamento de gasto corrente en 77 municipios; 7 millóns para gastos sociais e 252.000 euros para redución de débeda en 15 concellos.

Formoso explicou que, desde 2017, o Plan Único inxectou máis de 528 millóns de euros nos concellos da provincia, financiando un total de 2.987 obras nos concellos coruñeses, cifras sen precedentes nos anteriores plans provinciais, que ademáis de mellorar as infarstruturas e servizos municipais contribúen a xeración de actividade económica e de emprego.

Fondos Next Generation

O pleno aprobou tamén os convenios coa Axencia de Turismo de Galicia para o desenvolvemento dos Plans de Sustentabilidade Turística das Fragas do Eume e o destino Xeoparque de Ortegal, cun investimento global de 3 millóns de euros financiados con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia con fondos Next Generation EU, así como o Plan Xeral de Prevención de Riscos e Medidas Antifraude (PREMADECOR), que ten o obxectivo principal de garantir unha adecuada xestión dos fondos europeos Next Generation.

Coa aplicación desta nova ferramenta, a Deputación comprométese a reforzar unhas prácticas en todos os seus estamentos que non deixen ningunha marxe de actuación a condutas irregulares, corruptas ou fraudulentas e que, en tal caso, estes se detecten e se recobren para o erario público os fondos mal aplicados no prazo máis breve posible.

A posta en funcionamento dos mecanismos antifraude teñen como finalidade principal a protección dos fondos europeos que se canalizan a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, que serán cruciais para o desenvolvemento de proxectos que melloren a vida dos cidadáns e os servizos dos que dispoñen nos diferentes territorios.

Declaración institucional polo Día do Orgullo LGTBI+

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe unha declaración institucional polo Día Internacional do Orgullo LGTBI+, que se conmemora o próximo martes 28 de xuño, facendo unha «defensa nítida do dereito á plena igualdade, á dignidade, e ao libre desenvolvemento da identidade sexual e/ou de xénero».

No texto, apoiado por todos os grupos políticos que conforman a corporación provincial, faise fincapé na «importancia de seguir a construír sociedades máis tolerantes que convivan na diversidade e promovan o cumprimento dos dereitos vulnerados destes colectivos».

Aclárase que aínda que «é certo que houbo avances, é necesario persistir, esforzarnos e denunciar actitudes homófobas, sexan do grado que sexan». «Desde as institucións debemos asegurar a igualdade efectiva de todas as persoas LGTBI e as súas familias, é a nosa obriga poñer freo aos discursos de odio que desde hai tempo se están a escoitar», especifícase.

Por iso, a Deputación da Coruña amosa «o seu compromiso de continuar na promoción de actitudes políticas que favorezan a concienciación social para un cambio de mentalidade que erradique actitudes LGTBfóbicas», insta «ás administracións competentes para que acaden consensos na adopción de medidas para prohibir e eliminar todo trato discriminatorio baseado na orientación sexual ou na identidade de xénero» e recoñece «a activistas e entidades que levan traballando máis de 50 anos».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.