O reitor da UDC, Julio Abalde, e o bispo Fernando García, asinan o convenio de creación da Cátedra Diocese de Mondoñedo-Ferrol Universidade da Coruña

O Campus Industrial de Ferrol acolleu esta mañá o acto de firma do convenio polo que se crea a Cátedra Diocese de Mondoñedo-Ferrol Universidade da Coruña. O reitor da UDC, Julio Abalde, e o bispo, Fernando García Cadiñanos, asinaron o acordo, nun evento que contou coa presenza da vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, e a nova directora da Cátedra, Rocío Ameneiros, profesora da Facultade de Humanidades e Documentación, en representación deste centro acudiu a secretaria académica, Pilar Comesaña

Ademais, asistiron o delegado diocesano de Cultura, Benito Méndez Fernández e o arquiveiro-bibliotecario da diocese, Carlos Alonso Charlón.

Para o reitor da UDC, a creación desta Cátedra “institucionaliza unha relación existente hai tempo entre as dúas institucións a través da Facultade de Humanidades e Documentación e, en concreto, co Grao en Xestión Dixital de Información e Documentación”. “A colaboración entre as dúas institucións é boa para o Campus Industrial de Ferrol e para a cidade que ve como se aliñan as entidades para avanzar en beneficio da sociedade”.

Pola súa banda, o bispo García Cadiñanos aludiu tamén ás actividades realizadas conxuntamente entre a Universidade e a Diócese que derivou na creación desta Cátedra. “Todo este pasado conxunto xerou e segue xerando actividades para a mellora das persoas e da educación”, declarou.

A Cátedra ten como finalidade fomentar o intercambio de saberes e experiencias nos campos da docencia, a investigación e a cultura en xeral. Os obxectivos que se plantexan serán os seguintes:

  • Ofrecer un espazo formativo de reflexión plural sobre a aportación relixiosa á cultura europea.
  • Promover o uso e investigación do patrimonio histórico-artístico e documental da Diocese de Mondoñedo-Ferrol.
  • Fomentar a conciencia social e a solidariedade real mediante a divulgación de distintas iniciativas de promoción humana no entorno.
  • Escoitar, valorar e aproveitar as aportacións multidisciplinares que a Universidade pode ofrecer á Igrexa cara á súa misión de servizo a todos.
  • Impulsar a investigación e a transferencia de coñecemento en Ciencias Humanas e Sociais, centrándose nas áreas de actuación de ambas institucións.

Unha comisión de seguimento velará polo cumprimento destes obxectivos. Esta comisión estará formada pola vicerreitora do Campus de Ferrol, a decana da Facultade de Humanidades e Documentación, e a directora da Cátedra, por parte da UDC. Por parte da Diocese de Mondoñedo-Ferrol, os integrantes desta comisión serán Benito Méndez Fernández, delegado diocesano; María Victoria González Rodríguez, directora de Cáritas Diocesana; e Carlos Alonso Charlón, secretario-bibliotecario de Estudios Mindonienses.

A posta en marcha desta iniciativa complementa o traballo conxunto entre ambas as dúas institucións desde hai anos, como a celebración do I Congreso de Patrimonio Cultural da Diocese (1999), a cesión de parte do fondo de publicacións periódicas da biblioteca-hemeroteca da Domus Ecclesiae á Biblioteca Universitaria “Casa do Patín” (desde 1997), a realización de prácticas curriculares dos alumnos do Grao de Información e Documentación da UDC no arquivo e na biblioteca da Domus Ecclesiae de Ferrol (desde 2018) e a organización de visitas a espazos de especial relevancia patrimonial e cultural na diocese.

Foto portada: Desde a esquerda, Salvador Naya, vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia; Rocío Ameneiros, directora da Cátedra; Julio Abalde, reitor; Fernando García Cadiñanos, bispo da Diocese de Mondoñedo-Ferrol; María Jesús Movilla, vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social; e Benito Méndez, delegado diocesano de Cultura.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.