Os socialistas de Monterroso reclaman a implantación dunha ITV no concello

Avanzan que iniciarán “unha campaña de apoio a esta iniciativa, comezando pola rede de talleres locais así como tamén coa recollida de sinaturas á cidadanía”

Os socialistas de Monterroso demandarán no vindeiro pleno, a implantación dunha ITV no concello. Así o avanzou hoxe o voceiro socialista, Rafael García, quen explicou que reclamará a través desta proposta, “á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia que estude a viabilidade técnica e económica da implantación dunha nova estación ITV en Monterroso”.

Ademais tamén solicitan ao Concello, que facilite esta iniciativa “co compromiso de ceder unha parcela no Parque Empresarial, nas condicións que se determinen, así como a bonificación do 95 % do ICIO”.  Nesa liña avanzan que iniciarán unha campaña de apoio a esta iniciativa, comezando pola rede de talleres locais, así como tamén coa recollida de sinaturas da cidadanía en xeral.

Os socialistas remarcan que “as administración públicas deben de expandir servizos públicos e investimentos, e se pode ser, nun marco de cooperación cos concellos .Por iso presentamos esta proposta, a nosa comarca non pode dispoñer deste servizo de inspección e a veciñanza debe desprazarse por referencia á cidade Lugo ou a Lalín para poder cumprir as revisións dos vehículos”, sinalan.

Centralidade de Monterroso

Explican tamén que con esta nova instalación da ITV concellos coma o de Chantada, Taboada, Portomarín, Guntín, Palas de Rei, Melide, Toques, Santiso, A Golada, Rodeiro, Antas de Ulla e Monterroso veríanse beneficiados por esta medida. “E a nosa vila é o lugar ideal para ubicar unha ITV principalmente pola súa centralidade. Dos concellos citados, cinco deles limitan con Monterroso, estando situados nun radio de, aproximadamente, entre 5 e 10 kms da nosa vila. Melide, Santiso, A Golada e Chantada están situados, a maior distancia, pero por debaixo dos 25 kms”.

Fenda na Galicia interior

Hai que lembrar que o concello de Monterroso é Nudo de Equilibrio Territorial. Esta consideración, situación administrativa e de carácter territorial é o mellor aval de Monterroso. “Porque non hai que esquecer que o Centro de Galicia, ven  ser a expresión máis clara da enorme fenda, que se está a producir, entre a Galicia atlántica e a do interior, con moitos menos recursos. A nosa vila dispón, ademais, dunha ampla rede de talleres mecánicos tanto para vehículos coma para tractores, así como talleres de electricidade do automóbil, e un servizo de grúa as 24 horas, suficientes para calquera reparación ou incidencia que houbese”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.