Peis d’hos presentes no Serán_03: III Encontro Galego de Cultura Popular, Baile e Música Tradicional: Pandeireteiras

O “Serán_03: III Encontro Galego de Cultura Popular – Baile e Música Tradicional: Pandeireteiras”, celebrouse na Cidade da Cultura a pasada fin de semana, os días 10, 11 e 12 de xullo, dirixido por Quique Peón e promovido pola Xunta de Galicia
O Serán_03 presume de ser o encontro destas características máis grande existente en Galicia ao redor da música e o baile tradicional galega, congregando a milleiros de participantes e visitantes, e contou con:
– Festival Folclórico con sete das principais agrupacións folclóricas de Galicia: A Ponte Vella, Rebulir, Donaire, Etnográfico das Mariñas, Trébede, Alxibeira e Ultreia.
– Feira con artesáns do tecido, do calzado, da ourivería, de instrumentos tradicionais, asociacións e federacións ou organización de festivais.
– Obradoiro de serigrafía e estampaxe sobre tea.
– Masterclases profesionais sobre distintas técnicas de tocar a pandeireta en Galicia e Asturias, Castela, León ou mesmo Italia.
– Dúas conferencias e unha mesa redonda sobre as pandeiretas e festivais de folclore.
– Foliadiñas para cantar, tocar e bailar nas que a cativada é a gran protagonista.
– Festival Portas do Camiño con pandereteiras de diferentes zonas da península ibérica polas que pasan as rutas xacobeas: Galicia, Asturias, León, Portugal…
– Gran Foliadón, con gaiteiros, charangas e pandereteiras destacadas no panorma artístico e cultural galego.
– Desfile do traxe tradicional.
– Concerto de Coros Históricos.
– Exposición de mantóns rameados, de panos antigos.
E a asociación cultural Peis d’hos, de Cangas do Morrazo, tivo unha notoria participación no evento con Trébede que participou no Festival Folclórico o venres ás 21:30h, que xuntou a outras seis das principais agrupacións folclóricas de Galicia: A Ponte Vella, Rebulir, Donaire, Etnográfico das Mariñas, Alxibeira e Ultreia, sendo os únicos representantes da provincia de Pontevedra. Ademáis, participaron coa escola infantil Peis d’hos e coas pandereteiras As Mosas do Hío na Foliadiña do sábado pola mañá, ás 12:30h. E tamén, pola noite, a Charanga Trébede e as pandereteiras Lina e Lola participaron no Gran Foliadón xunto a moitas e moitos artistas destacados do panorama cultural galego, entre os que podemos destacar a Fransy e Davide, Faltriqueira, Oscar Obáñez, as pandereteiras de Cantigas e Agarimos, a charanga de O Fiadeiro ou mesmo a italiana Livia Giaffreda.
“Foi un enorme pracer poder participar un ano máis neste evento tan importante. Foi para nós unha gran fin de semana, pasámolo moi ben, desfrutamos e devertímonos moito!” – comentan Marina Vigo, Miguel Sotelo e Nébeda Piñeiro, directores da agrupación. “Foi unha pasada poder compartir cántigas, baile e alegría con todas as demáis asociacións e compañeiras e compañeiros presentes na Cidade da Cultura” – engaden.
“A xente tiña ganas de volver desfrutar desta maneira da música e do baile, sen restricións, e iso notouse. Isto alégranos, xa que nos atopamos inmersos de cheo na organización das que serán as IV Xornadas Etnográficas do Morrazo, evento de similares caraterísticas ao Serán_03, que terán lugar do 1 ao 11 de setembro en Cangas, Moaña e Bueu, e esperamos que poidan ter o mesmo éxito de afluencia e participación.” – puntualiza Miguel Sotelo, director das XEM.