Podemos Galicia urxe ás institucións a seguir avanzando nos dereitos das persoas LGTBIQ+

Verónica Hermida: “Cando falamos de dereitos en materia LGTBIQ+ no fondo estamos a falar das condicións materiais que determinan a vida das persoas do colectivo”
Podemos Galicia vén de informar da presentación de mocións municipais nos concellos para pedir a súa implicación activa na conquista de dereitos das persoas LGTBIQ+, algo que pasa principalmente pola aprobación da Lei LGTBIQ+ e TRANS por parte do Goberno do Estado á maior brevidade.
Co motivo do mes do Orgullo, Podemos sinala que é preciso poñer en relevo o valor dos avances acadados durante décadas de loita do colectivo LGTBIQ+ e reivindica que este debe ser un “orgullo de dereitos” co impulso definitivo á Lei LGTBIQ+ e TRANS que signifique o comezo do pago da débeda que temos co colectivo.
“Cando falamos de dereitos en materia LGTBIQ+ no fondo estamos a falar das condicións materiais que determinan a vida das persoas do colectivo”, sinala a voceira de Podemos Galicia, Verónica Hermida, quen continúa afirmando que “a aprobación desta lei é fundamental para garantir o acceso á vivenda ou a un traballo das persoas LGTBIQ+ en condicións de igualdade co resto da sociedade. Non son cuestións menores nin secundarias, senón que son dereitos humanos”.
Por este motivo, a formación busca a implicación e o posicionamento dos concellos para que a lei se tramite con celeridade, posto que “non podemos seguir negando a igualdade de dereitos do colectivo” e cualifica a futura aprobación da lei como “histórica” e considera que “dará continuidade ao camiño que se iniciou coa aprobación do matrimonio igualitario, tras a parálise nos avances que supuxo o goberno do Partido Popular a partir de 2011”.
Hermida traslada ademais o “compromiso de Podemos cos avances en materia de igualdade e LGTBIQ+ que manifestan as políticas do Ministerio de Igualdade e que se reflicten no esforzo para sacar adiante unha lei tan necesaria” e anima á celebración “dun orgullo máis reivindicativo que nunca que poña os dereitos do colectivo no centro”.