Rego cualifica de “infamia” as palabras de Sánchez sobre o acontecido en Melilla e esixe unha rectificación

“Hoxe parece evidente que a viraxe de Pedro Sánchez sobre o Sáhara significaba externalizar a violencia e a morte para evitar a entrada de persoas que o único que queren é ter unha oportunidade, unha vida mellor” destaca Néstor Rego

O deputado do BNG, Néstor Rego, exixe a comparecencia do Presidente do Goberno e o Ministro do Interior para que expliquen as actuacións levadas a cabo a pasada sexta feira en Melilla e rectifiquen a posición do Goberno. Cualifica de “vergoña” a posición mantida polo executivo e “merecentes de pasar á historia da infamia” as declaracións de Sánchez agradecendo o labor da xendarmería marroquí, que cualificou de “traballo ben resolto” cando implicaron a morte de, cando menos, 37 persoas que, en casos agonizaron durante horas sen seren atendidas. Por outra parte, considerou insuficientes as medidas adoptadas no pasado sábado contra a crise, por non iren acompañadas de mudanzas estruturais como unha reforma profunda do sector eléctrico ou mesmo de algunhas urxente como o estabelecemento dun tope no prezo final dos combustíbeis e da electricidade.

O acontecido a finais da semana pasada no valado entre Nador e Melilla deixou, polo menos, 37 mortos e centos de feridos. Esta brutal actuación da Policía marroquina -coa pasividade cómplice das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado español- mereceu o eloxio do Presidente do Goberno, felicitando a xendarmería da ditadura marroquí por un traballo “ben resolto”. Para o deputado do BNG no Congreso “son indignas e merecentes de pasar á historia da infamia” e que non están lonxe das que podería ter feito o Partido Popular “ou mesmo a ultradereita”.

Após as declaracións e a aparición de novas informacións sobre o número de asasinatos e a vulneración de Dereitos Humanos, a organización nacionalista, conxuntamente con outros forzas políticas, rexistraron na cámara baixa a solicitude de comparecencia do Presidente e do Ministro do Interior “para que dean explicacións” mais tamén para solicitar que se desenvolva unha investigación e unha rectificación. Se non existiren estas actuacións, o BNG entende que se deben producir dimisións.

“É unha auténtica vergoña, non só o acontecido senón tamén a posición do Goberno do Estado español” subliña Rego mentres denuncia o desprezo á vida humana e a vulneración de dereitos humanos por parte do Goberno do Estado español e a ditadura marroquí. “A xendarmería non só deixou morrer e agonizar durante horas a moitas persoas senón que mesmo as lapidou” recrimina o deputado do BNG.

Alén do máis, Néstor Rego cualifica de “enormemente grave” que o Goberno do Estado permitise a entrada de xendarmes marroquís no territorio de Melilla para “golpear, deter e devolver en quente a Marrocos persoas que xa pasaran o valado”. O deputado nacionalista considera “incualificábel este feito”, diante da pasividade e permisividade da Garda Civil española.

“Hoxe parece evidente que a viraxe de Pedro Sánchez co Sáhara significaba externalizar a violencia e a morte para evitar a entrada de persoas que o único que queren é ter unha oportunidade, unha vida mellor” salienta o deputado do BNG durante a comparecencia. “Son as políticas neocoloniais da Unión Europea as que provocan o empobrecemento dos países africanos” asevera.

Medidas presentadas polo Goberno: chegan tarde e son insuficientes

Noutra orde de cuestións, o deputado nacionalista valorou o paquete de medidas presentado polo Goberno do Estado o pasado sábado no Consello de Ministros extraordinario. A organización nacionalista entende que, existindo algunhas positivas mais que chegan tardee, serán insuficientes para paliar os efectos da suba descontrolada dos prezos.

“Non basta con subir as pensións non contributivas 15%, hai que subir o Salario Mínimo Interprofesional e as Pensións Mínimas até equiparalo a 60% do Salario Medio, tal e como recolle a Carta Social Europea que o Estado español ratificou” reclama o deputado nacionalista. Así mesmo, demanda maior investimento para a modernización da rede ferroviaria interna da Galiza posto que, cando o executivo anunciou a subvención de 50% os abonos de transporte terrestres, esqueceuse de acompañar esta medida doutras como “a recuperación de frecuencias, a implantación de novas e mesmo as cercanías ferroviarias na Galiza”.

Alén do máis, Rego considera que todas as medidas serán insuficientes se non foren acompañadas de mudanzas estruturais como unha reforma profunda do sector eléctrico ou mesmo de algunhas urxente como o estabelecemento dun tope no prezo final dos combustíbeis e da electricidade. “Urxe abordar unha modificación profunda na regulación do sistema eléctrico que elimine o mercado marxinalista e que se recolla a excepción galega a través dunha Tarifa Eléctrica Galega, dado que somos produtores excedentarios de enerxía eléctrica” conclúe.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.