Rueda: “As 166 bandeiras azuis de Galicia son un premio ao patrimonio natural e ao turismo sustentable”

Ondearán en 112 areais, 11 portos deportivos, 14 centros e 29 sendeiros, e son 11 máis que o ano anterior

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe que as 166 bandeiras azuis de Galicia son un premio ao compromiso da Comunidade co seu patrimonio natural e un recoñecemento á súa aposta polo turismo sustentable e de calidade. Fíxoo durante o acto de entrega destes distintivos que ondearán en 112 areais, 11 portos deportivos, 14 centros e 29 sendeiros. “Son 11 estandartes máis que o ano anterior”, dixo.

A ese respecto, Rueda sinalou que Galicia pode sentirse orgullosa de que en relación a criterios de calidade de auga, seguridade, xestión ou información, a Asociación de Educación Ambiental volvera a situar á Comunidade como unha referencia en España, como demostra o feito de que 1 de cada 5 bandeiras azuis do país pendurarán no noso territorio.

Nese sentido, agradeceu a visitantes, veciños, axentes con incidencia no mar e concellos a súa contribución para acadar este novo éxito ambiental. “Non é fácil xestionar cada ano un aluvión de visitantes co rigor e a calidade da que facedes gala”, engadiu.

Logo de facer fincapé en que estas novas 11 bandeiras son 11 novos espaldarazos para lograr que este Xacobeo dobre sexa inesquecible, o presidente da Xunta fixo balance dos datos turísticos do primeiro cuadrimestre. Neste sentido, destacou que Galicia recibiu 1 millón de turistas, o que supuxo triplicar as cifras do mesmo período do 2021. Ademais, comezou a recuperar o turismo internacional e segue a velocidade de récord co Camiño de Santiago, con máis de 132.000 compostelas entregadas. “Galicia satisfai os desexos de natureza, Galicia ofrece termalismo, Galicia respira historia e Galicia é calidade”, aseverou.

Segundo o titular do Goberno galego, recoñecementos como estes, reflicten que Galicia sabe xestionar o seu, desde o rigor e a sustentabilidade. E, ao fío disto, volveu reclamar poder facelo tamén no tocante á xestión do litoral, unha petición que xa se concedeu a outras comunidades como Andalucía ou Cataluña. “Galicia é a primeira interesada en preservar a súa costa”, abundou.

Por último, pediu sentidiño e responsabilidade aos galegos e galegas na noite de San Xoán para que as praias á mañá seguinte luzan fermosas e libres de residuos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.