Rueda resalta “o compromiso cunha Galicia con máis e mellores servizos para todos os galegos vivan onde vivan”

O presidente da Xunta visitou hoxe a nova residencia e centro de día de Carballedo, que conta con 20 prazas de centro de día e 23 de fogar residencial

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o compromiso cunha Galicia con máis e mellores servizos para todos os galegos “vivan onde vivan”.

Sobre este punto incidiu en que a atención aos maiores é competencia de todas as administracións, referíndose á nova residencia e centro de día de Carballedo, na que a Administración galega investiu máis de 800.000 euros, para poñer a disposición dos veciños 20 prazas de centro de día e 23 de fogar residencial.

Durante unha visita ás novas instalacións, xunto á conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, o titular do Executivo autonómico aseverou que para aqueles maiores que prefiren seguir vivindo nos seus domicilios, a Xunta puxo en marcha iniciativas como: o programa Xantar na Casa, co que se achega menús xa preparados a máis de 1.800 persoas de 194 concellos; ou o Servizo de Axuda no Fogar que, cun investimento anual de 100 millóns de euros, atende a máis de 24.000 galegos.

Así mesmo, cómpre salientar o labor que realiza o autobús de Coidados porta a porta, que percorre todos os concellos de Galicia para atender aspectos relacionados coa podoloxía, a audioloxía e a estimulación da memoria; a importancia da rede de teleasistencia, que permite que os maiores que viven sos alerten ante calquera emerxencia con só pulsar un botón; ou o funcionamento das máis de 80 Casas do maior, que prestan atención diúrna aos maiores en concellos pequenos.

“Seguiremos comprometidos, en definitiva, cun Goberno útil. Esta é a nosa obriga”, concluíu, apelando á colaboración entre administracións para que todos os galegos teñan a posibilidade de decidir envellecer nas súas casas, con atención profesional.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.