San Agustín celebra un novo Mercado das Nubes con gastronomía, artesanía e arte

O Concello continúa a dinamizar espazos singulares da cidade como este mercado municipal, no que se celebrarán diferentes actividades entre o venres 10 e o domingo 12

O mercado municipal de San Agustín acolle esta fin de semana unha nova edición do Mercado das Nubes, un evento trimestral que conxuga diferentes propostas gastronómicas, artísticas, artesanais e relacionadas co mundo da moda. Esta iniciativa conta co apoio activo do Concello da Coruña e celebrarase no primeiro andar deste espazo municipal.

O Mercado das Nubes de verán comezará este venres (de 17.00 a 21.00) e prolongarase durante as xornadas do sábado (11.00 a 21.00 horas) e do domingo (11.00 a 18.00 horas). Contará con 50 iniciativas de persoas, microempresas e marcas emerxentes. Ademais, esta iniciativa aposta pola integración dos praceiros e praceiras do propio mercado a través da actividade ‘As tapas do Mercado’, organizada por Estrella Galicia, e do sorteo de experiencias no museo MEGA pola compra nos seus postos durante estes días. Estarán presentes destacados cociñeiros coruñeses.

Por outra banda, cederase un espazo solidario á asociación AGA Ucraína, que informará do seu labor na cidade. As persoas asistentes poderán doar e mercar produtos solidarios. Haberá tamén actuacións musicais o venres e o sábado ás 19.00 horas e un espazo infantil con obradoiros e outras actividades.

Con esta iniciativa, o Goberno municipal de Inés Rey busca dinamizar os mercados da cidade con actividades complementarias á venda de produtos nos postos nestes espazos. O Concello promove máis eventos no primeiro andar do Mercado de San Agustín, como o festival Boucatise ou obradoiros infantís polo Samaín.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.