Sete mozos do Concello da Laracha participan no programa de intercambio xuvenil en Berlín

Unha iniciativa similar realizarase en Venecia do 2 ao 9 de xullo.

Sete laracheses de idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, acompañados por tres monitores -un deles, o tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito-, están en Berlín desde o pasado luns e ata o día 6 de xullo para formar parte da iniciativa organizada polo Distrito de Reinickendorf. Nos primeiros días de viaxe visitaron varios puntos da cidade alemá, incluíndo o zoo e o exterior do Bundestag (a sede do Parlamento alemán) e da Universidade. Tamén acudiron a un centro de ensino no que se imparten clases de español e realizaron un obradoiro para honrar a memoria de activistas políticos asasinados por Hitler.

Nos próximos días teñen previsto visitar o Ministerio de Finanzas de Berlín, as cidades de Dresden e Postdam, varios museos e o teatro Friedrich Stadt Palast.

O outro programa de intercambio, no que participarán outros dez mozos laracheses, será na cidade de Venecia e terá lugar do 2 ao 9 de xullo. Neste caso a organización será a cargo do Polo Tecnico Professionale desa localidade italiana. Ademais de coñecer a cidade e outras do seu entorno, visitaranse os puntos de interese máis importante e realizaranse actividades culturais.

Con estas iniciativas o Concello pretende aportar o seu gran de area na construción da cidadanía europea, facilitando á mocidade oportunidades para coñecer outros países, idiomas e culturas, potenciando a mobilidade xuvenil, tendendo pontes para a cooperación transfonteiriza con outros países e proxectando cara o exterior o noso municipio.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.