Tanxugueiras sega os discursos de odio con ‘Seghadoras’, o seu novo sinxelo (Vídeo)

As pandeireteiras publican na medianoite de San Xoán, a noite meiga, outro avance do seu terceiro disco, que verá a luz o 29 de xullo

Tanxugueiras celebra San Xoán coa publicación, ás 00.00 horas, do seu novo tema, ‘Seghadoras’. A canción, que estará dispoñible a partir desa hora en todas as plataformas dixitais, acompáñase dun sinxelo e potente videoclip no que as propias cantareiras son protagonistas e que se poderá ver, desde a medianoite, na súa canle de YouTube.

«Sega, miña terra, sega«, canta con coraxe Tanxugueiras nun tema no que o trío, para abordar un dos temas fundamentais do seu discurso, o apoderamento feminino, emprega como metáfora un ritual tradicional do rural como é o labor das segadoras: mulleres que collen a fouce afiada e, con forza, rozan para deixar medrar novamente a herba. Un símil que as pandeireteiras asocian tamén coa propia tradición do San Xoán: o lume que purifica para deixar atrás todo aquelo que non permite avanzar e dar unha cálida benvida ao que veña.

Porque, ao cabo, ‘Seghadoras’ fala da toma de conciencia e da confianza nunha mesma. Fala de coller o fouciño e abandonar os discursos de odio, a hostilidade e as voces interesadas. Limpar para ser dona dunha mesma, da súa vida, do seu proxecto. Se ‘Desidia’ é un canto ao autocoidado, ‘Seghadoras’ non deixa o amor propio atrás: «Que a xente siga falando / pouco a pouco vou collendo / todo o que fun sementando», pregoan Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro neste novo tema.

«Cada día estamos máis convencidas de falar e cantar sobre o necesario que é ter voz propia e rachar con todo aquelo que non che fai ben. De apostar por ti para avanzar no teu camiño. De ser consciente de quen es e de que as decisións son túas», explican. «Ter a forza e a coraxe para desprenderte do que non suma ás veces non é sinxelo, pero somos quen de facelo. E iso é ‘Seghadoras’: ser capaz de ter ferramentas e forza para cortar con todo iso e abrir camiños para a vida. É tamén é unha homenaxe á terra, as nais, ás mulleres que nos pariron e ao apoderamento», apuntan as pandeireteiras.

O tema, que formará parte do terceiro disco de Tanxugueiras, preséntase cun videoclip dirixido por Trece Amarillo (Diego M. Barcia e Diego Santaclara) e producido por PlayPlan Cultural, o tándem habitual no desenvolvemento dos traballos audiovisuais das cantareiras. A peza conta con Olaia, Aida e Sabela de protagonistas e, desta quenda, suma a presenza dos músicos que acompañan ao trío na súa Xira Midas: o co-produtor Iago Pico (percusión electrónica) e Isaac Palacín (percusión tradicional).

Prevenda do novo disco

Desde o pasado 17 de xuño xa está dispoñible a prevenda do terceiro disco de Tanxugueiras, que se publicará o 29 de xullo, e que contará con temas como ‘Seghadoras’, ‘Desidia’, ‘Pano Corado’, ‘Averno’, ‘Terra’, ‘Figa’ ou ‘Midas’. Pódese acceder á reserva do álbum a través do propio espazo web de Tanxugueiras, www.tanxugueiras.gal, ou mesmo da Plataforma de Afectadxs polo Novo Álbum de Tanxugueiras, unha chiscadela do trío de cantareiras á súa comunidade de fans para «combatir o tanxumono» mentres que o álbum non chega.

Foto portada: Rocío Cibes

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.