Torrado reclámalle á Xunta que esgote o máximo posible das convocatorias de persoal MIR e as OPE en atención primaria

Urxe a Sanidade a abrir vías de diálogo cos responsables de Medicina Interna para desbloquear os recursos necesarios para un servizo “piar da estrutura hospitalaria”

O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, presentará no Pleno desta semana unha moción cunha serie de propostas para a mellora das condicións laborais na Atención Primaria, que resolvan a “situación límite” na que a teñen posto “anos de recortes” dende a chegada do PP ao goberno galego. O responsable socialista urxe a reforzar a dotación de persoal do servizo garantindo a estabilidade laboral.

Torrado esixe en primeiro lugar o compromiso do goberno galego para esgotar ata o final da Lexislatura o máximo posible das convocatorias de persoal nas especialidades e categorías relacionadas coa Atención Primaria tanto nos MIR como nas OPE. Esta medida contribuiría a paliar a saturación destes profesionais, que hoxe están atendendo máis de 50 consultas ao día, e “totalmente abandonados á súa sorte” polo goberno galego.

Reclama ademais garantir a contratación do persoal eventual para todo o tempo necesario para a cobertura que realizan, erradicando a concatenación de contratos menores para facer a mesma labor no mesmo posto. O parlamentario socialista urxe ao Sergas a ampliar o tempo de contratación “nos chamados contratos de continuidade, ata establecer un mínimo de dous anos con limitación xeográfica”.

Tamén propón a apertura dunha mesa de diálogo co colectivo de titores e titoras en atención primaria “na procura da mellora das condicións e facilidades para a cobertura de formación especializada relacionada coa atención primaria”. Os socialistas galegos reclámanlle á Xunta un informe sobre as prazas de formación sanitaria especializada incluíndo o período 2020 – 2022, coas prazas solicitadas, as aprobadas e as incluídas en cada convocatoria con datos desagregados.

Torrado responsabiliza ao goberno galego de ter levado ao límite á atención primaria, situando a Galicia por debaixo da media do Estado en investimento por habitante na atención primaria, e que esta Comunidade Autónoma sexa a segunda do Estado que menos inviste en atención primaria, cun 11,6 por cento e só por diante de Madrid.

Os Orzamentos da Consellería de Sanidade tan só aumentaron un 0,03 por cento neste ano, perdendo peso relativo, para un sistema que conta con 976 profesionais e 140 millóns de euros de atención primaria menos que no ano 2009, mentres hai en Galicia 450 médicos menos por cada 100.000 habitantes, 30 menos dos 480 da media de España.

Medicina interna

Julio Torrado alertou de que a “constante precarización” de Medicina Interna está detrás do conflito desatado polo goberno galego cos profesionais deste servizo, ata o punto de que os xefes de servizo de Interna nos hospitais públicos de Lugo, A Coruña e Pontevedra, veñen de asinar un documento de reivindicacións avalado pola Sociedade Galega de Médicos Internistas e o Colexio Médico de Ourense.

O documento fala de “maltrato laboral”, “precarización”, da “dura sobrecarga” e “precaria situación dos hospitais comarcais”, mentres o Sergas “non ten en conta aos xefes de servizo” de Interna, cando son o verdadeiro “piar de toda a estrutura hospitalaria”. Os propios profesionais apuntan que a Xunta “non promoveu o aumento de prazas MIR nesta especialidade”.

O parlamentario socialista presenta unha serie de iniciativas nas que urxe ao goberno galego a atender as demandas do colectivo abrindo vías de diálogo e constituíndo para elo unha mesa de traballo permanente”. Reclámalle ao goberno galego que se comprometa a convocar tódalas prazas MIR para este servizo que sexan viables cada ano, así como a levar adiante “unha política de contratación ambiciosa e estable” no servizo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.