Traballadoras do SAF de Vilalba mobilízanse para esixir o cumprimento do convenio colectivo

As traballadoras que prestan o Servizo de Axuda no Fogar no Concello no Concello de Vilalba, concentráronse este venres para demandar o cumprimento do convenio colectivo e que as empresas adxudicatarias (neste caso Protección Geriátrica 2005) procedan de inmediato a aplicar a suba salarial do 6.5%, que corresponde polo IPC real de 2021.

Estas mobilizacións enmárcanse na campaña que a CIG-Servizos ten en marcha pola dignificación das condicións laborais e salariais deste sector, que cumpre un papel esencial dentro da sociedade, pero que segue a ser un dos traballos máis precarizados e feminizados que existe.

A representación das traballadoras foi recibida pola Alcaldía, a quen lle explicaron as condicións nas que teñen que desenvolver o seu traballo, os incumprimentos das empresas e lle trasladaron a súa táboa reivindicativa. Pola súa banda, a alcaldesa de Vilalba comprometeuse a estudar a moción rexistrada este venres pola CIG e a ter unha xuntanza co resto dos grupos políticos para abordar a situación do servizo.

Mocións nos Concellos co SAF externalizado

Con esta campaña, a CIG-Servizos está a promover, naqueles concellos que teñen externalizado o servizo e nos que a central sindical conta con representación no SAF, que se debatan e voten mocións nos plenos municipais instando ás administracións responsábeis (Concellos e Xunta) a que demanden das empresas concesionarias o cumprimento do convenio colectivo e se garantan os dereitos laborais das traballadoras.

O que supón aplicar de inmediato a cláusula de revisión salarial do IPC real que contén o convenio e actualizar os salarios nun 6.5%. Pero ademais, con estas mocións búscase recoñecer o gran traballo e a función esencial que desempeñan as traballadoras de Axuda no Fogar e unha mellora substancial das súas condicións laborais.

Neste senso, ínstase á Xunta de Galiza (como responsábel destes servizos) a que incremente o prezo do servizo e que este incremento reverta en melloras para as familias e as condicións laborais das traballadoras. Dos Gobernos municipais demándase que supervisen os contratos do SAF e que reclamen das empresas concesionarias o cumprimento da legalidade laboral vixente, garantindo os dereitos do persoal.

Abusos e incumprimentos das empresas concesionarias

As profesionais destes servizos levan anos denunciando os abusos das empresas concesionarias, que non cumpren sequera cos pregos de condicións, nomeadamente nas cuestións relativas á xornada, descansos ou ao pago pola quilometraxe, pois non hai que perder de vista que traballan en domicilios particulares aos que se desprazan nos seus propios vehículos.

A isto súmase que o convenio colectivo leva dez anos sen negociarse e que agora as empresas néganse a actualizar as percepcións económicas segundo o establecido no seu artigo 7.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.