Vigo logrou nos últimos tres anos a maior inversión da súa historia con 358 millóns

Desde o ano 2007, o Concello humanizou 1.048 rúas, das que 146 foron no último trienio no que a inversión se elevou a 358,6 millóns. Caballero presentou esta mañá o balance da súa xestión baixo o título 3+3 Vigo: cidade de éxito.

O alcalde fixo esta mañá o balance da súa xestión, cando se cumpren 15 anos do seu goberno. Baixo o título 3+3 Vigo: cidade de éxito, Caballero debullou no Auditorio Municipal as principais actuacións desenvolvidas polo Concello neste período e que supuxeron “un cambio sin precedente en ningunha cidade de Europa en tan pouco tempo”. Arrancou referíndose á máis grande inversión da historia, con 358,6 millóns nos últimos tres anos, unha cifra que permitiu humanizar 146 rúas, das que 94 xa están rematadas e 42 en marcha. Nos 3+3 (tres mandatos e tres anos), o número de rúas humanizadas elévase a 1.048, actuando en toda a cidade e primando zonas que nunca foran atendidas.

Outra das cuestións más relevantes no capítulo de investimentos son as “humanizacións 5.0”, as actuacións no Vigo Vertical, unha forma de resolver o problema orográfico da cidade. Ascensores ou ramplas mecánicas, todos os que xa están a funcionar e as que xa están previstas, desde o colexio Losada ata Ramón Nieto e ao Centro de Saúde de Lavadores; as ramplas de Escultor Gregorio; entre Camelias e Hispanidade, entre outras.

Respecto das dotacións deportivas, mellorouse o céspede e a iluminación do campo de fútbol do Vao; acometéronse reformas nos campos de Navia, Meixoeiro, Candeán, A Bouza, Bouzas, A Guía, Fragoselo, Monte da Mina, As Relfas Sárdoma e San Andrés de Comesaña. Construíronse os pavillóns de Quirós, Romil e os dous dos baixos de Balaídos. Mención aparte merece este estadio municipal, que está a ser remodelado integralmente co apoio económico exclusivo de Concello e Deputación.

No capítulo de investimentos non esqueceu as cubricións e reformas de patios de colexios e zonas de xogos, a ETA -cun orzamento de 25 millóns de euros, os aparcamentos de Matamá e das piscinas de Teis; as melloras no túnel de Beiramar, o paseo marítimo de Bouzas; melloras de eficiencia enerxética, como a instalación de 14.410 novas luminarias LED, co conseguinte aforro en consumo e menos emisións; a construción do aparcamento municipal do Álvaro Cunqueiro; ou a instalación de 5.000 bancos, unha cuestión moi importante para unha gran parte da cidadanía xa que lle permite saír á rúa con tranquilidade.

Desde o ano 2007, a cidade conta con 143 novos parques, 83 deles reformados nos últimos tres anos, aos que se sumarán en breve o da Finca Matías, o de García Picher e o da rúa Coruña. Macroparques como Castrelos, Teis, Venezuela, Navia, Barreiro, Praza Independencia, Bouzas e o Castro; ademais de 70 áreas biosaudables “cando cheguei á Alcaldía non había ningunha”, matizou. Skatesparques en Barreiro, Navia, Calvario e O Castro e renovación e nova construción de pistas deportivas para as “pachangas”.

Limpeza

Vigo conseguiu onte a súa oitava escoba de platino, o que a converte na cidade española con máis distincións pola limpeza das rúas. Conseguiu a primeira en 2008, e desde entón recibe unha cada dous anos, dado que é un recoñecemento bianual.

Na súa intervención, Caballero destacou que Vigo está a traballar -coa oposición da Xunta – para solucionar o problema do abastecemento de auga que padece a cidade a a súa área de influencia. Destacou a negativa do goberno autonómico a asumir o proxecto de transvase desde o Verdugo tal e como determina o estudo de alternativas do Goberno de España para garantir o abastecemento para os próximos 50 anos.

Seguindo con iniciativas dentro do medio ambiente, aludiu ás hortas urbanas, aos sendeiros, aos humedais -os que xa están en marcha e os que se están recuperando. Prestou especial atencióá recuperación da Xunqueira do Lagares, lembrando que no ano 2007 había unha depuradora, mentres que agora hai unha marabillosa zona medioambiental. Nesta mesma dirección se está a traballar nestes momentos en Goberna, o Vao, Fontes ou Pertegueiras. A ampliación da superficie dunar en Samil e o Vao; as praias caninas; 15 bandeiras azuis; o cinto verde que se “vai poñer en marcha de forma inmediata” e a reforma total de Vigozoo no que xa non haberá animais salvaxes en cautividade, senón que será un centro de estudo da natureza.

A nova depuradora, o “maior avance medioambiental da historia” financiouse con fondos europeos e municipais, sen apoio algún da Xunta que, sen embargo, se fai negocio con esta instalación a través do canon da auga, destacou Caballero.

Outro dos grandes proxectos é a candidatura de Cíes como Patrimonio da Humanidade, co apoio masivo da cidadanía e dos colectivos da cidade e a oposición da Xunta.

Na presentación desta mañá houbo unha especial mención á xuventude, con máis de 700.000 participantes en actividades formativas, lúdicas e deportivas desde 2008. Campamentos urbanos, cursos ou obradoiros ou roteiros de divulgación científica pola Ría son algunhas das propostas destacadas. Non faltou o Marisquiño, consolidado como o maior festival de cultura urbana do mundo e ao que a Xunta non acaba de apoiar como merece. En todo caso, o alcalde garantiu a organización do evento ofrecendo o incremento da axuda municipal no caso de que o goberno autonómico non cumpra cos seus compromisos.

Transporte

Case 200.000 tarxetas Pass Vigo, “o carné de identidade vigués”, 37.166 pensionistas co transporte público de balde. Son 32 millóns de viaxes subvencionados, con tarifas conxeladas dado que as subas as asume o Concello.

Vigo, proseguiu, é unha cidade segura, con beneficios fiscais para as motos; con carrís bicis e patíns, con novas dotacións para bombeiros.

Respecto do deporte, aludiu a 9 novos pavillóns : Candeán, Navia, Etea (2), Romil, Quirós, Balaídos (2) e Matamá, que foi parado pola Xunta. Actuouse en 43 terreos de xogo, construíronse 5 novas piscinas, o circuíto de running de Castrelos, entre outros.

Chegou á cultura comezando polo Auditorio Mar de Vigo, unha dotación de 80 millóns plenamente municipal. Esas instalacións albergan agora un auditorio, a sede da UNED e unha blbilioteca. Neira Vilas, Navia, Casa Patín son as dotacións xa operativas ás que se sumarán a de Teis e a Biblioteca do Estado, proxecto que sairá adiante a pesar da oposición da Xunta.

Vigo Cultura, festivais de música o de cine, financiados só con fondos municipais. Ao igual que acontece cos museos, xa que Vigo ten a rede museística municipal máis importante de España.

Festas

A Cabalgata de Reis, a Reconquista, declarada festa de interese turística nacional, os concertos de Castrelos, as festas dos nosos barrios e parroquias con importantes incrementos de apoio económico desde o Concello son algunhas das propostas culturais impulsadas polo Concello. A “xoia da coroa” chegou ao falar do Nadal, o fenómeno turístico emerxente máis importante de Europa. Vigo recibiu 2,2 millóns de visitantes en 2021 e ningún apoio da Xunta para a súa promoción.

Educación

Na área de Educación, o Concello dedicou nos tres últimos anos 105.000 euros aos 51 centros de educación Infantil e Primaria da cidade, que son competencia exclusiva da Xunta de Galicia e este ano decretouse a “gratuidade total” das dez escolas infantís municipais para o curso 2022-2023 nas que as familias non deberán aboar cotas, nin sequera para o comedor. Amais está en marcha a construción dunha nova escola infantil e “pagamos unha parte das escolas infantís da Xunta de Galicia”, en total, dedicamos máis de 2 millóns de euros anuais ás escolas infantís.

No tocante ás outras escolas, referiuse Caballero á Escola Municipal de Artes e Oficios, que ten 450 estudantes e que cualificou como “gratis total”, do mesmo xeito que puxo en valor o programa de bolsas de inglés co que este verán viaxarán ao Reino Unido e Irlanda case 3.000 estudantes para aprender o idioma e co que “xa enviamos máis de 10.000 nenas e nenos becados desde que gobernamos. É o diñeiro mellor gastado no mundo. Non hai unha soa cidade do mundo con este programa de estudos”, engadiu.

Lembrou tamén a creación da UNED en Vigo que “non había cando chegamos e hoxe conta con 13 titulacións e 1.148 alumnos ao ano”.

Política social

“A máis importante política social de España está en Vigo”, sinalou o rexedor, cunha dedicación anual de máis de 50 millóns de euros para as familias: axudas de emerxencia, atención a maiores, a persoas sen teito no albergue municipal que custa 1 millón de euros ao ano; e con novas infraestruturas para a atención social en marcha na cidade como o Centro de formación e inclusión social ou a remodelación integral do Centro Sociocomunitario da Praza da Princesa.

Participación e Igualdade

Caballero referiuse á partida da área de Participación Cidadá como “a nosa asignación para que o músculo civil da cidade funcione e siga adiante” e puxo en valor o teléfono municipal 010 que “está converténdose nun referente no ámbito da información”. Amais “estamos orgullosísimos da nosa achega a Igualdade: 1,5 millóns de euros a política de igualdade e loita contra a violencia machista” para concienciar á sociedade e, especificamente á mocidade.

Patrimonio Histórico

“Foi un gran esquecido na cidade de Vigo porque se tiraba todo o que se podía e agora estamos nun proceso extraordinario”, avanzou, citando a recuperación do Casco Vello e do Casco histórico de Bouzas, a recuperación da Muralla do Castro, as visitas ao Centro de Interpretación do Mundo Romano de Toralla e a musealización da fortaleza do Castro “coa oposición total da Xunta de Galicia”. Agora, dixo o rexedor, estamos recuperando coa axuda do Goberno de España o Museo de Castrelos e rehabilitaremos o Pazo da Raposeira. Referiuse o rexedor ao programa “Vigo, cidade de cor” co que xa se realizaron 149 medianeiras na cidade.

Emprego e Administración Electrónica

Abel Caballero apuntou que a actuación no ámbito do emprego “non ten precedentes”, coa creación de 42.500 empregos a través de programas formativos e plans de emprego municipais, sen contar os “keynesianos” xerados a través da obras e accións que desenvolve o Concello na cidade.

No referente á Administración Electrónica puxo en valor a importancia desta área agora e, especialmente de cara ao futuro, xa que será unha nova forma de relacionarnos co Concello e salientou a acción do Portal de transparencia, o éxito da Vigo App, a Vigo Driving para apoiar a circulación ou a Pass Vigo.

“Vigo, a cidade española con maior calidade de Vigo”

O rexedor citou algúns dos premios nacionais que acadou a cidade nos anos do seu goberno: CEMCI, CNIS 2020, Premio Nacional Comercio interior… destacando a elección pola OCU como a cidade española con mellor calidade de vida en 2021-2022 un feito “inenarrable” e a selección entre as cinco mellores marca cidade de España xunto a Madrid, Barcelona, Valencia e Bilbao.

Pandemia Covid

“A Covid fíxonos temperar o pulso, nun momento de dificultade inenarrable”, con moita familia e amigos que quedaron no camiño, apuntou, pero “saímos como cidade, con sensación profunda de unidade”. Criticou Caballero o “apoio cero da Xunta de Galicia a Vigo; todo o apoio foi do goberno de España” e agradeceu “a inmensa cooperación de toda a cidade”.

Balance económico

“Cando chegamos ao goberno, Vigo debía 66 millóns de euros e agora debemos 0”, grazas a unha xestión “impecable”, incidiu Caballero, que adiantou que “cando marchemos deixaremos débeda cero e seguiremos revolucionando a cidade”. Vigo debe nestes momentos 0 euros por habitante, a presión fiscal está por debaixo da media española e da media por rango de poboación e é “a máis baixa de Galicia”, mentres se sitúa por enriba da media española en solvencia a curto prazo e acada un prazo de pago a provedores de 10 días, inferior ao resto de cidades galegas, e unha organización eficiente coa que se gañou en capacidade de aforro, situada por enriba do resto de cidades. Unhas cifras que se acadaron coa redución de impostos e taxas, sen actualizar IPC, reducindo impostos a hostalería, restauración e motos. “Puidemos aplicar 33 millóns de euros de inversión dos aforros”.

Urbanismo

Para o alcalde o Plan Xeral de Ordenación Municipal permitirá “unha grande transformación histórica” grazas, entre outras cuestións, á vivenda protexida que con 15.000 vivendas, zonas verdes, equipamentos, recuperación de patrimonio e mobilidade, infraestruturas e con actuacións singulares no Ifevi, do Barrio do Cura, no Lagares, a alta velocidade de ADIF ou nas Áreas de Rehabilitación Integral co financiamento do Goberno de España.

Referiuse tamén ás actuacións que están transformando a cidade como as ramplas mecánicas, a nova Praza de América, actuacións “históricas” como Vialia, a Senda Verde ata Teis, os ascensores, escaleiras e o Halo, que se vai converter “no novo símbolo da cidade”, Barrio do Cura, Porta do Sol, Praza Elíptica, a Panificadora que vai cofinanciar a Zona Franca de Vigo, a Praza da Igrexa, a saída sur ferroviaria, que será clave para a cidade, o AVE por Cerdedo, no que conseguimos non parar en Santiago, o desenvolvemento experimentado polo aeroporto de Vigo. Rexeitou tamén o intento do ex presidente Feijóo de parar a autovía en túnel a Porriño desde Vigo.

Liderado de Vigo

Abel Caballero referiuse á presenza de Vigo na Conferencia de Presidentes de España, dada a súa presidencia da Femp desde hai 7 anos, o que nos facilita unha relación directa co Goberno de España, “permite unha interlocución total”. Vigo formou parte activa da asignación de fondos europeos e estivo presente na reunión de Portugal e España para abordar a saída sur ferroviaria. E avanzou que a cidade logrará “50 millóns de euros de fondos europeos” do Goberno de España.

Lembrou tamén as veces que a cidadanía tivo que saír á rúa para defender Vigo: a caixa de aforros, a sanidade pública, o aeroporto, o Naval, o partido xudicial, a área metropolitana… e citou a proxección mediática da cidade en medios como The New York Times, The Washington Post ou The Guardian.

En relación aos “aliados da cidade” citou á Deputación de Pontevedra, coa presidenta Carmela Silva, “un avance histórico”” a Zona Franca co delegado David Regades “cunha mobilización impresionante de recursos cara Vigo”; e o Goberno de España xa que, na súa opinión, “todo o que lle propuxemos, accedeu” e citou as discrepancias sobre a sede do IEO, co que finalmente Vigo conseguiu posicionarse como “sede do gran foro da pesca” coa participación de concellos, das comunidades autónomas e dos centros de investigación”.

“Somos un modelo de unidade cidadá. Sabemos que o 90% da cidade apoia este modelo porque o 90% de Vigo se sinte e é protagonista. É o éxito dun modelo de cidade”, sentenciou Caballero. Con todo, sinalou, Vigo debe enfrontarse aos agravios da Xunta de Galicia que ten unha débeda de 2.252 millóns de euros.

Para rematar a súa intervención, o alcalde agradeceu o traballo do “mellor equipo de goberno do mundo” que traballa arreo para levar adiante a cidade e tivo unha lembranza especial para que fora concelleira de Vigo, Isaura Abelairas, falecida hai un ano.

 

 

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.