Vilalba Aberta celebrará este xoves a 5ª edición do seu Orgullo LGTBI+ co porfesor Andy Toro coma poñente

Esta nova edición estará focalizada na importancia da educación en diversidade como mellor xeito de combater a “intoleracia e os discursos de odio.”
Cinco anos despois de que a veciñanza vilalbesa acudira á primeira convocatoria de VA con motivo da celebración do Orgullo LGBTI, a formación municipalista vén de anunciar a súa vontade de dar continuación ás convocatorias de 2017, 2018, 2019, 2020 e 2021.
Un acto que, tal e como lembrou a vicevoceira da formación, Mª Xosé Fernández, pretende “afondar no impulso democratizador co que nacemos, así como ofrecerlle á veciñanza os mellores contidos sobre os que debater e avanzar coma sociedade”.
Porque esta quinta edición que estará focalizada na importancia da educación en diversidade como “mellor arma para combater a intolerancia”, a través dun coloquio moderado pola responsable de educación e mocidade de VA, María Pérez, e da que tomará parte o profesor e veciño de Vilalba Andy Toro.
“Pretendemos confluír coa veciñanza na defensa das e dos que non poden expresar a súa sexualidade con liberdade”, declarou Fernández, porque “ningunha sociedade pode ser considerada coma democrática e plural se se manteñen ou alimentan situacións de exclusión e de rexeitamento cara a unha parte dos seus membros”, sentenciou.
É por isto que chaman á participación nunha xornada (xoves 30 de Xuño, 21:00h no Hostal Terra Chá) que volverá traer á capitalidade chairega a visibilidade e a reivindicación dun festexo, ata o de agora, reducido ás celebracións e actos das grandes vilas e cidades.