Xosé Regueira defende unha fórmula similar ao Plan Único “para garantir que os Fondos Next Generation cheguen eficazmente aos concellos”

O vicepresidente, que participou esta mañá no Congreso Digital Tourist  en Benidorm, centrou a súa intervención nos eixos claramente enfocados á transición enérxetica e dixital que se inclúen nos Plans de Sostibilidade Turística en Destino do Eume e de Ortegal, e nos dous da Costa da Morte que están actualmente en preparación

O vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, defendeu esta mañá no Congreso Digital Tourist que se está a celebrar en Benidorm, a idoneidade de contar cunha fórmula similar ao Plan Único para garantir que os fondos Next Generation cheguen eficazmente aos concellos. Xosé Regueira centrou a súa intervención nos eixos claramente enfocados á transición enérxetica e dixital que se inclúen nos Plans de Sostibilidade Turística en Destino do Eume e de Ortegal – xa aprobados-, e nos dous da Costa da Morte –en preparación-.

O vicepresidente explicou en Benidorm que a Deputación da Coruña conta neste momento con “mecanismos baseados en criterios totalmente transparentes” que permiten transferir aos concellos 100 millóns de euros para levar a cabo accións municipais aprobadas en pleno e que “atendendo a esta experiencia, a min gustaríame que ás Deputacións se nos permitise ter un papel deste tipo en relación aos fondos europeos”. Xosé Regueira fixo este apuntamento na última mesa de debate, previa á intervención da Ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto.

Xosé Regueira tamén indicou que dos 60.000 núcleos de poboación do Estado, 32.000 están en Galicia polo que o turismo no territorio galego “é fundamentalmente rural” e que, neste sentido, “toda transición dixital ten que responder ao noso enfoque de turismo intelixente, que é un turismo que debe tender cara o 100% da sustentabilidade, cara a enconomía circular e cara a preservación do medio natural e da forma tradicional de vida do noso territorio”. “A transición dixital debe axudarnos a acadar este tipo de turismo” afirmou o vicepresidente.

Xosé Regueira, que titulou o seu relatorio ‘Transición dixital: un reto social e medioambiental’, explicou que “o gran reto que temos neste momento é establecer mecanismos de medición e análise de datos, e nisto as tecnoloxías dixitais teñen unha gran importancia”. Como exemplo, mencionou a necesidade de medir o gasto dun concello en servizos destinados á poboación visitante –non residente-, e avaliar que volume de turistas pode atender ao longo do ano e enfocar as estratexias de promoción a eses obxectivos.

O vicepresidente da Deputación da Coruña compartiu intervención con Mª Carmen Rodríguez, xerente de INPRO da Diputación de Sevilla, con Patricia Valle, deputada de Turismo da Diputación de Cáceres, e co asociado de AMETIC, Ignacio Albendea. A mesa estivo coordinada por Javier Martínez Belotto, coordinador do grupo de traballo ‘Pueblos digitales sostenibles’ da AMETIC.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.