A Deputación financia a reforma das pistas deportivas da rúa Paleo en Carral

Formoso e Gestal asinaron un convenio de cooperación para a renovación das instalacións

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Carral, Javier Gestal, asinaron un convenio para o financiamento das obras de reforma das pistas deportivas de Paleo.

Por medio deste acordo, a Deputación achegará 146.432,26 euros, algo máis do 80% do orzamento total do proxecto, que ascende a 183.040,75 euros, mentres que o Concello de Carral asumirá a contía restante.

Actualmente, estas pistas de tenis atópanse nun estado de conservación moi deficiente. O firme está disgregado, polo que resulta preciso realizar labores de repavimentación. Así mesmo, e tendo en conta o escaso uso que se realiza destas instalacións, levarase a cabo unha reorganización da zona, mantendo só unha das pistas de tenis e deixando o resto do espazo libre para outros usos deportivos.

Dita reorganización implicará a execución dun novo peche axeitado á nova distribución das pistas. A maiores, e co fin de incrementar o uso destas dependencias, proxéctase a creación dunha construción de estrutura metálica con cubrición, garantindo así o emprego das pistas mesmo con condicións climatolóxicas adversas. O proxecto incluirá, ademais, a construción dun muro de contención na parte traseira das pistas e dunha soleira de formigón armado en toda a superficie.

Ao remate destas intervencións, Carral disporá dunha dependencia de grandes dimensións que poderá acoller a celebración de actividades deportivas e culturais, entre outras propostas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.